Friday 22 de November de 2024

O Concello de Malpica senta as bases para impulsar o municipio como destino xeoturístico astronómico


Toma forma, desta maneira, un proxecto que ten como piar fundamental un estudo técnico realizado
por Jorge Mira en 2014.
O Concello de Malpica sentou esta mañá as bases para a impulsión do municipio como destino xeoturístico astronómico. Toma base, desta maneira, un proxecto que ten como piar fundamental un estudo técnico realizado polo catedrático de de Física Aplicada da USC, Jorge Mira en 2014.
Esta mañá, no salón de plenos do consistorio malpicán, tivo lugar unha reunión entre o alcalde, Walter Pardo; a concelleira de Cultura, Leticia Varela; o concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo; o propio Jorge Mira e o fotoperiodista Basilio Bello. Punta Nariga e Santo Hadrián, polas súas características xeográficas, converten a ambos puntos nun enclave privilexiado para a observación de fenómenos astronómicos. A súa singularidade reside, entre outros factores, no feito ser un dos escasos lugares en Galicia dende os que se pode ver saír e poñerse o Sol sobre o mar en certas épocas do ano.
A baixa contaminación lumínica, clave Esta característica antóllase fundamental á hora de realizar as observacións, xa que a Costa da Morte a nivel xeral, e Malpica en particular, presenta un índice baixo. Vencellado a isto, preténdese obter financiación para ‘preservar a calidade de observación dos nosos ceos, algo fundamental no turismo astronómico’, comentan desde o goberno local.
Este será un dos puntos nos que se baseará a estratexia, aínda por definir, e que terá múltiples vértices. ‘A olaría de Buño, a restauración e a hostalería serán puntos fundamentais que estarán presentes neste proxecto, xa que englobará a todo o municipio’, comentan desde o Concello.
Estudarase, tamén, a posible certificación de Malpica como ‘Destino turístico Starlight’.
Desde o goberno local apuntan a esta como ‘unha oportunidade única para poñer en valor o noso territorio. Desde aquí temos que dar as grazas tanto a Jorge Mira como a Basilio Bello pola súa achega, dende hai anos, de estudos e traballo fotográfico para poder darlle unha forma sólida a este proxecto, que hoxe ten a súa saída. Estamos tremendamente ilusionados con esta idea, e agardamos que se leve a cabo’, comentan desde o goberno local.
Pola súa banda, tanto Jorge Mira como Basilio Bello comentan que ‘Malpica, e concretamente os puntos de Santo Hadrián e Punta Nariga, teñen unha serie de condicións para facer deste lugar un enclave único en materia de astroturismo.
Queremos agradecer tamén a total colaboración da administración local nun proxecto do que pronto teredes máis novas’, comentaron ambos.