Pecharanse as praias desde as 21.00 h e controlaranse os accesos aos areais municipais pola tarde para impedir que as persoas baixen obxectos relacionados coas cacharelas
O concello ultima os dispositivos especiais de emerxencia que arrincan mañá pola tarde con motivo da festividade do San Xoán e que se estenderán ata a mañá do día 24. As praias permanecerán pechadas desde as 21.00 h e, polo tanto, estará prohibido acceder a elas. Haberá un dispositivo especial de emerxencia que funcionará desde a media tarde do día 23 para impedir que as persoas baixen obxectos relacionados coas cacharelas aos areais.
O outro dispositivo especial de emerxencia abarcará todos os barrios da cidade para controlar que se cumpran as instrucións descritas no bando municipal e a normativa de prevención da COVID-19. Ademais, os servizos de emerxencia municipais e de Protección Civil revisarán todas as grelladas que teñen autorización por parte do concello. Ata o momento, recibíronse case 300 declaracións responsables de locais de hostalaría e de persoas físicas para realizar churrascadas e sardiñadas na vía
pública.
O dispositivo de emerxencia estará formado por preto de 200 persoas, polo que se mantén o número de efectivos das forzas de seguridade municipais pero suprímese o persoal dedicado á asistencia nas praias durante a festa do San Xoán do ano pasado, como é o cadro de persoal da Cruz Vermella, os servizos sanitarios e de emerxencias, 061, o persoal das carpas, profesionais de rescate acuático e socorristas nocturnos.
Canto ao control da capacidade nas praias, os sistemas xa están funcionando e continuarán a xeito de proba durante toda a semana. Ademais, as cámaras de videovixilancia de Riazor e Orzán – Matadoiro xa están instaladas, e as do resto de areais municipais quedarán instaladas antes do día 24. Respecto aos paneis informativos dixitais, que comezarán a colocarse entre mañá e pasadomañá, estarán vinculados coa web municipal onde tamén se mostrarán os datos informativos da capacidade dos areais.