Saturday 23 de November de 2024

Galicia Senderismo organiza este domingo unha ruta de sendeirismo polo Río Vilacoba


Galicia Senderismo organiza este domingo 28 de xuño unha nova ruta de sendeirismo polo Río Vilacoba, un traxecto circular de 21 quilómetros de dificultade media. Unha ruta que esta asociación xa ten realizado en varias ocasións durante 2019 pero que volve a repetirse debido ao gran éxito de participación.
A ruta desenvolverase entre as 10:00 e as 18:30 horas do domingo 28 de setembro. O prezo é de 13 euros e inclúe guía titulada e seguros de responsabilidade civil e de accidentes. O número de prazas está limitado a 30 persoas e as inscricións poden facerse a través de www.galiciasenderismo.com .
Para protexer a saúde de todas as persoas participantes, será preciso seguir unhas medidas especiais pola Covid-19 como acudir co propio equipo de protección persoal (máscara, xel hidroalcohólico), manter as distancias de seguridade, non compartir obxectos e uso obrigatorio de máscara, entre outros.
Percorrido
A expedición sairá ás 10:00 horas da praza do Concello de Lousame, a onde está prevista a volta ás 18:30 horas. No primeiro tramo da ruta, de Brandia a Soutorredondo, seguirán a beira esquerda do río Vilacoba polo medio dun frondoso bosque de ribeira ata chegar á piscifactoría de Soutorredondo.
Ao chegar á ponte de Vilacoba, a expedición desviarase cara o monte Colou para desfrutar dunhas excelentes vistas da Ría de Noia-Muros. Dende alí baixarán á aldea de Toxosoutos para comezar o percorrido polo río San Xusto, visitando tanto o mosteiro como as dúas fervenzas. Despois, cruzarán a ponte de madeira que hai detrás do albergue para ver o pombal do mosteiro.
Dende aló, a expedición chegará a unha carballeira da beira do río por onde continuarán ata preto de Cabanetán, dende onde baixarán de novo á beira do río para pasar polo Pozo do Capitán (en Boña), para desfrutar dunha terceira fervenza. Finalmente, os sendeiristas chegarán ata a fábrica de papel das Maceiriñas, dende onde atravesarán o monte de Béxeres para chegar de volta ao río Vilacoba na ponte que hai en fronte da fábrica de Fontán e dende aí camiño de volta a Portobravo.