Saturday 16 de November de 2024

Os Encontros coa Arte 2020 de Brión trasládanse ás Redes Sociais


Artistas participantes nas catorce edicións celebradas comparten vídeos e imaxes dos seus cadros a través da fan page do Concello de Brión

A edición número quince dos Encontros coa Arte de Brión pasará á historia por ser a primeira que se celebra unicamente en Redes Sociais, debido a que as xornadas presenciais tiveron que ser canceladas debido ás medidas de prevención tomadas para previr a expansión da Covid-19. “Pero como renunciar á cultura non é unha opción para nós, empregando as novas tecnoloxías durante os próximos días iremos compartindo nas redes sociais algúns dos traballos realizados e enviados estes días polos artistas e amigos que habitualmente participan nos Encontros coa Arte”, explica a concelleira de Cultura, Sandy
Cebral Gómez.
Unhas achegas feitas especialmente como contribución a estes Encontros de 2020, para o desfrute da veciñanza deste concello. A día de hoxe, o Concello de Brión xa recibiu tres vídeos dos acuarelistas José Galarzo (Valencia) e Jose Antonio Regidor (Segovia), así como da pintora venezolana Yolanda Carbajales Ferreiro; ademais de acuarelas do propio José Antonio Regidor ou de Enrique Ochotorena (Donostia). Ao longo da semana seguiranse publicando as distintas achegas recibidas.
Dende hai 14 anos, o Departamento de Cultura do Concello de Brión organiza os Encontros coa Arte, unha actividade que se ten convertido nun gran referente da arte en Galicia. Uns encontros onde pintores, fotógrafos, escultores, músicos e poetas, procedentes de distintos puntos do Estado, participan nunhas xornadas de creación e convivencia artística.