Saturday 16 de November de 2024

A Xunta suma un novo apoio ao Xacobeo 2021 tras asinar un acordo de patrocinio con R


O conselleiro de Cultura e Turismo e o director corporativo de Empresas de R e do Grupo Euskaltel asinaron hoxe o acordo na sede da empresa na Coruña
A Xunta sumou hoxe un novo apoio ao Xacobeo 2021 tras pechar coa empresa R un acordo de patrocinio para accións de apoio, difusión e promoción desta celebración. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o director corporativo de Empresas de R e do Grupo Euskaltel, Isidro Fernández, asinaron hoxe o acordo na sede do operador galego, na cidade da Coruña.
En virtude deste pacto, a empresa comprométese ata o vindeiro 2022 divulgar e apoiar a celebración a través de soportes ou espazos da súa titularidade. Pola súa banda, o Goberno galego incluirá a R como un dos patrocinadores oficiais desta celebración nas actividades deportivas, lúdicas e musicais vinculadas ao Ano Santo.
O conselleiro de Cultura e Turismo salientou a importancia de sumar a unha firma como R, “cun importente prestixio e unha sólida traxectoria”, á lista de empresas comprometidas co Xacobeo 2021 grazas ao sistema de patrocinios ligados a este evento. Do mesmo xeito, subliñou que se trata dun dos primeiros acordos asinados tras a crise sanitaria, o que demostra o crecente interese da iniciativa privada á hora de apoiar este evento.
Neste sentido, Román Rodríguez destacou a importancia de potenciar a colaboración público-privada á hora de impulsar un evento desta magnitude, que debe exercer como un dos piares da reactivación de toda a economía galega, especialmente tras o impacto ocasionado a causa da crise da covid-19.
Pola súa banda, Isidro Fernández de la Calle subliñou que con este patrocinio, en R “ratificamos o noso compromiso permanente con Galicia e coa administración autonómica para desenvolver accións que poñan en valor o acervo cultural e social de nosa terra. Nesta ocasión, o Camiño de Santiago, primeira e principal ruta espiritual e cultural de Occidente e Patrimonio da Humanidade. Grazas á sociedade galega e á confianza de nosas clientas e clientes podemos achegar valor a Galicia colaborando agora no desenvolvemento e divulgación das actividades do Xacobeo 2021 a través da Xunta”.
Extensión das desgravacións fiscais
Precisamente, co obxectivo de favorecer a dinamización do tecido empresarial da Comunidade e impulsar o vindeiro Ano Santo, a Xunta solicitou ao Goberno central estender a 2022 as desgravacións fiscais ligadas a esta celebración a través do sistema de patrocinios. A través de modelo búscase avanzar no obxectivo de implicar á sociedade civil e ao sector empresarial tanto de Galicia como do resto do estado nesta celebración, que permitirá estender en todo o mundo a imaxe da nosa Comunidade e valores da peregrinación.