Friday 22 de November de 2024

O Concello de Boqueixón reforza os mercados dominicais de Rodiño e Lestedo como espazos seguros


Os máis de medio cento de postos de venda manteñen unha distancia mínima lateral de 1,5 metros e frontal de máis de 6

Coa chegada da nova normalidade, o Concello de Boqueixón vén de reforzar os seus mercados dominicais como espazos seguros para as persoas visitantes. Os postos de téxtil e calzado xa están incorporados ás citas en Rodiño (o segundo domingo de mes e que conta cunha quincena de postos) e Lestedo (a celebrar o primeiro e o terceiro domingo de mes, con máis de medio cento).
Segundo indican dende o Departamento de Promoción Económica, “establécese unha separación mínima lateral entre postos de 1,5 metros”. No caso da distancia frontal, “supéranse os 6 metros. Así, as persoas que acudan aos nosos mercados dominicais poderán contar con espazo suficiente para
visitar os distintos postos coas maiores garantías”, concretan dende o Concello de Boqueixón.
Na procura de garantir a venda de produtos, os postos agroalimentarios xa contan con mamparas e outras medidas de seguridade dispoñibles para a clientela. No caso dos postos de téxtil e calzado, as persoas comerciantes contarán con xeles hidroalcohólicos no caso de ter que manipular directamente
o produtos, algo que debera evitarse nesta época.
Con todo, dende o Concello de Boqueixón lembran á poboación a obrigatoriedade do uso das máscaras e do mantemento das distancias de seguridade. Do mesmo xeito, evitarase tocar os produtos postos á venda.