A Fundación “la Caixa” e o concello ofrecen desde o luns unha exposición do artista brasileiro nos xardíns con 38 imaxes en branco e negro sobre a natureza máis salvaxe e virxe
A Fundación “la Caixa” e o concello ofrecen desde o luns nos xardíns de Méndez Núñez a exposición “Xénese”, en que a cidadanía coruñesa poderá coñecer até o 19 de xullo o último proxecto do brasileiro Sebastião Salgado. Trátase dun gran mosaico de pezas inspiradas na natureza, que emiten unha mensaxe de advertencia desde a inmensidade pola situación de perigo en que se encontra. O artista realizou estas fotografías entre 2004 e 2012 en países de paisaxes virxes como a Antártida, Madagascar, Botsuana, o Parque Nacional de Kafue en Zambia, a meseta do Colorado nos Estados Unidos, Alaska, o arquipélago das Galápagos en Ecuador, Siberia ou a selva amazónica. O que se vai poder ver na mostra son 38 instantáneas de todos estes anos entre o verde.
O artista elixiu o branco e negro para representar a grandeza e a fraxilidade da Terra nunha iniciativa que se enmarca dentro do acordo da institución catalá e a Xunta de Galicia para a celebración do Xacobeo 2021. En concreto, a mostra forma parte do programa “Arte na rúa”, polo que a Fundación “la Caixa” quere achegar a arte ás persoas fóra dos museos e as salas de exposicións. “Xénese” é o terceiro gran proxecto de Sebastião Salgado despois de “Traballadores” e “Éxodos”, en que se centra no mundo natural e convida as persoas espectadoras a se cuestionaren sobre o estilo de vida actual e o seu impacto nos recursos naturais do planeta.
A exposición estrutúrase en cinco apartados: “Os confíns do sur”, Xeorxia do Sur, as Malvinas, a península de Valdés e as illas Sándwich; “Santuarios”, as illas Galápagos, Indonesia, e os ecosistemas de Madagascar; “África”, do delta de Okavango en Botsuana e o parque de Virunga ao deserto de Arxelia; “As terras do norte”, paisaxes de Alaska e da meseta do Colorado nos Estados Unidos, o Parque Nacional de Kluane na illa de Baffin (Canadá) e as rexións setentrionais de Rusia, o norte de Siberia e a península de Kamchatka; “A Amazonía e o pantanal”, a confluencia dos ríos Negro e Solimões en Manaos, os parques nacionais de Canaima (Venezuela) e de Xingú (Brasil), e o Pantanal, a maior zona húmida do mundo, a cabalo entre Brasil, Bolivia e Paraguai.
TRAXECTORIA
Nado en 1944 en Aimorés, Minas Gerais (Brasil), Salgado estudou Economía, pero desde os 29 anos dedícase por completo á fotografía. Na súa traxectoria, traballou para as axencias Sygma e Gamma para se incorporar en 1979 a Magnum Photos, en que permaneceu até 1994, cando decidiu crear, xunto con Lélia Wanick Salgado, Amazonas Images, unha axencia para amosar en exclusiva a súa obra. En 2001 foi nomeado embaixador especial de UNICEF, e entre os seus numerosos recoñecementos recibiu en 1998 o Premio Príncipe de Asturias das Artes.
Nun primeiro momento, “Xénese” foi concibido para denunciar a desaparición de espazos únicos, pero as experiencias vividas levárono a cambiar o rumbo da súa investigación cara a lugares que se manteñen intactos. O resultado son 32 anos coa cámara ao ombro que deron en imaxes de paisaxes maxestosas xunto a retratos íntimos de comunidades humanas que seguen vivindo segundo as súas tradicións ancestrais. O fotógrafo concentra neste traballo os puntos máis remotos do planeta, onde o impacto do home foi mínimo. Desde desertos xigantescos a terras xeadas da
Antártida, bosques tropicais e cordilleiras dunha presenza impoñente, Salgado homenaxea a natureza en todo o seu esplendor e o mundo animal con instantáneas de pingüíns, leóns mariños e das baleas do Antártico: “Sentín que era un privilexio contemplar os ciclos da vida en continua repetición”, sinala Salgado.