Friday 22 de November de 2024

O Concello dará ata 6.200 euros en axudas a cada autónomo e microempresa dentro das liñas do PRESCO


O Goberno local dá luz verde ás axudas para facer fronte aos efectos da pandemia, que se poderán solicitar ata o 15 de setembro de 2020

O Goberno local vén de dar luz verde ás principais liñas de axudas do Plan de Reactivación Económica e Social da Coruña (PRESCO).
O plan aporta 6.235.000 euros en axudas para o mantemento da actividade, fomento do emprego e transformación dixital. Son fondos que os autónomos e pequenas empresas poderán comezar a solicitar nos próximos días.
O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, explicou que as persoas interesadas terán de prazo ata o 15 de setembro de 2020 para presentar as solicitudes, e indicou que as axudas chegan a un máximo de 6.200 euros por persoa. “A reactivación económica da nosa cidade é unha prioridade. O Concello traballou desde o minuto un para lle facer fronte á pandemia
da Covid-19, co obxectivo de non deixar a ninguén atrás, finalidade para a que está deseñado o PRESCO”, indicou Lage Tuñas.
Nos vindeiros días o Goberno local concretará o resto das axudas do PRESCO, un plan aprobado de xeito unánime que suma 13,2 millóns de euros e que tamén aporta ferramentas para a reactivación social e cultural.
No eido da reactivación económica, os 6.235.000 euros que se achegan agora a autónomos e pequenas empresas repártense nos seguintes capítulos.

Liña 1. Apoio e mantemento da actividade económica. 4.935.000 euros. O máximo subvencionable acada os 3.700 euros por persoa beneficiaria. Poden solicitar estas axudas empresas e autónomos/as radicados na Coruña e que estiveran dados de alta con anterioridade ao 14 de marzo de 2020. Subvencionarase o pago de cotas de autónomos e de Seguridade Social ate un máximo de 6 mensualidades (de xullo a decembro de 2020).

Así mesmo, poderanse solicitar ata 1.500 euros para axudas ao pago do alugueiro de locais, ata 600 euros para aboar os xuros dos créditos ICO avalados polo Estado durante a pandemia.
Ponse tamén en marcha unha liña de axudas para incentivar a contratación, con ata 1.500 euros por persoa contratada, xa sexa de xeito indefinido ou temporal, sempre que o contrato non sexa inferior a un ano. A cantidade subirá ata os 2.000 euros si a persoa contratada é muller, ten máis de 45 anos ou presenta unha discapacidade igual ou superior ao 33%.
Ademais, daranse axudas de ata 600 euros para a adaptación física dos locais ás novas normas de seguridade e hixiene derivadas do coronavirus.

Liña 2. Apoio á mellora, adaptación e transformación dixital das empresas. 1.280.000 euros.
A segunda liña que estará activa en xullo é compatible coa primeira. “Estamos asumindo competencias que non son nosas, facendo un grande esforzo económico para axudar a autónomos e pemes”, dixo Lage Tuñas.
Os beneficiarios/as poderán recibir ata un máximo de 2.500 euros. As axudas á transformación dixital están pensadas para crear ou mellorar páxinas web (ata 800 euros), para poñer en marcha sistemas de comercio electrónico (ata 2.000 euros), para novas formas marketing 4.0 (ata 2.000 euros), para implantar novas ferramentas de xestión (ata 2.000 euros) e para a adquisición de dispositivos de pago seguro coma os TPV, con ata 500 euros para ese fin.
“Con este plan cumprimos as directrices fixadas pola nosa alcaldesa, Inés Rey. Mobilizamos unha importante cantidade de recursos para reactivar A Coruña e seguiremos a poñer sobre a mesa todos os medios que sexan precisos para que a cidadanía poida superar canto antes os efectos da pandemia”, dixo Lage Tuñas, quen avanzou que nos vindeiros días presentaranse novas liñas de axudas culturais e sociais.