Friday 22 de November de 2024

Sete negocios da área do Barbanza de restauración e aloxamento recibirán axudas para mellorar equipamentos e servizos


A Xunta comunicou aos beneficiarios a resolución desta convocatoria, dotada con 140.000 € para accións de modernización, accesibilidade ou eficiencia enerxética na área do Barbanza que mobilizarán máis de 471.000 euros
A Xunta de Galicia notificou a resolución da liña de axudas  posta en marcha a finais do pasado ano para financiar, cun investimento de máis de 140.000 euros, actuacións de mellora en establecementos de aloxamento turístico e restauración na comarca do Barbanza que mobilizarán con todas as actuacións máis de 471.000 euros.
Trátase dunha convocatoria que, como novidade, abriuse tamén para os restaurantes e da que se van beneficiar dous hoteis en A Pobra do Caramiñal, Serra de Outes e Ribeira e catro restaurantes en Noia, Boiro e Ribeira.
Con esta achega, a Xunta contribuirá a financiar, entre outras actuacións, accións de mellora nos equipamentos e servizos dos negocios, buscando unha oferta de maior calidade para os propios galegos e os visitantes. Inclúense proxectos de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, melloras nas instalacións para obter certificacións de excelencia, actuacións de renovación e modernización das instalacións ou melloras na climatización.
En función do número de solicitudes recibidas, a liña consigna máis de 80.000 para catro restaurantes que solicitaron a axuda e que cumprían cos requisitos. Pola súa parte, os tres establecementos de aloxamento contarán con algo máis de 60.000 euros dirixidos tanto a hoteis e pensións como a outras tipoloxías de aloxamentos tales como albergues, cámpings, entre outros. En total, son sete os negocios da comarca do Barbanza aos que lles notificou a resolución favorable.
No ámbito provincial serán 21 os establecementos beneficiados por esta liña de axudas cun investimento total de 327.000 euros que mobilizarán 1,1 millón de euros nesta área.
Destino de calidade
A posta en marcha desta liña de axudas enmárcase nos obxectivos da Consellería de Cultura e Turismo de favorecer a renovación e modernización dos establecementos da Comunidade co obxectivo afondar un destino accesible e de calidade. Esta liña estratéxica cobra especial importancia para os empresarios e autónomos que, tras semanas de parón obrigado, retoman a súa actividade neste escenario de incerteza.