O Concello de Fene retirará os precintos nos 13 parques infantís que hai repartidos polo territorio coa finalidade de que se poidan volver usar a desde o mediodía deste sábado. Malia que desde o pasado luns os parques xa podían utilizarse, o Concello optou por mantelos pechados en espera de que a Xunta aclarase as medidas de prevención que habería que adoptar. De feito o Concello solicitou formalmente que se lle facilitase o protocolo para este tipo de instalacións sen que polo momento houbese resposta por parte do Goberno autonómico.
Así as cousas, o consistorio levou a cabo nos últimos días unha limpeza xeral dos parques, consistente tanto na retirada de lixo e vexetación como na desinfección de todo o mobiliario de xogos e lecer. Os traballos aínda continúan nesta tarde do venres e proseguirán durante a mañá do sábado, co obxectivo de que todas as instalacións poidan estar abertas a partir do mediodía.
A normativa autonómica indica que nos parques debe procurarse que non haxa máis dunha persoa por cada 4 metros cadrados. Tamén se recomenda poñer a disposición das persoas usuarias xeles hidroalcólicos e mesmo solucións xabonosas para os nenos e nenas máis pequenas. Medidas de difícil execución práctica, debido á propia dinámica do xogo infantil e á imposibilidade de estar mantendo unha vixilancia constante da capacidade de cada recinto, así como a dificultade para garantir que o xel de mans estea dispoñible en todo momento.
Por este motivo, desde o Concello vólvese facer un chamamento á responsabilidade das persoas usuarias -principalmente pais e nais- para asegurar que se mantén a distancia social de 1,5 metros e outras accións preventivas: uso de máscara obrigatorio para maiores de 6 anos, etiqueta respiratoria (esbirrar contra panos desbotables, contra o brazo ou dentro da máscara), non tocar ollos, nariz e boca e, importante, a obriga de abandonar as instalacións se se nota algún síntoma coincidente co da COVID-19, contactando de inmediato co 900 400 116 para informar e facer un seguimento.
As recomendacións principais están recollidas en carteis informativos que o Concello está colocando en todos os parques, indicando ademais que non se deberán utilizar os surtidores de auga públicos.
O Concello programou desde mañá mesmo un programa de desinfeccións diarias dos espazos infantís -e tamén das zonas con aparellos de exercicios- do que se ocupará o persoal da área de Servizos en colaboración coa agrupación local de Protección Civil.