Friday 22 de November de 2024

Nova directiva de Acordes que nace co gallo de unir o maior número dos empresarios da Comarca de Ordes


Esta mañá na sala de xuntas do Concello, mantívose un encontro entre membros da nova directiva da Asociación de Comerciantes e Empresarios da Comarca de Ordes co Alcalde e a Concelleira de Comercio, para dar a coñecer a nova xerencia.

No mediodía de hoxe varios representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios da Comarca de Ordes, encabezados polo seu novo Presidente David Viaño Noya, mantiveron un encontro co alcalde de ordes e a concelleira de comercio onde trasladaron o nomeamento da nova directiva resultante da asemblea extraordinaria celebrada o pasado luns, a cal nace co gallo de unir o maior número posible dos empresarios da Comarca de Ordes, sexa cal sexa o seu sector de actividade.

Principais ideas da nova directiva.
Todos os empresarios de Ordes, dende autónomos, o pequeno comercio ata empresas con un número alto de empregados, pasando por establecementos de hostalería, alimentación… están chamados a unirse para incentivar e facer ver todas as vantaxes que ten o trato cercano e personalizado.

Unha das grandes apostas pasa por facer ver que hoxe en día a venta online é un valor engadido que pode aportar tanto ós clientes afianzados, como dar unha maior visibilidade a cada negocio, por iso renovarse e aprender novas técnicas de negocio as que non estamos acostumados no día a día implicarán para os asociados unha formación a maiores que require esforzo por moitas partes.

A principal finalidade pasa por acadar sinerxias e ir todos unidos e facer forza aportando vantaxes a todas as empresas asociadas. Vantaxes do tipo de formación concreta que cada empresa asociada necesite, creación de campañas que traian xente e vida ó pobo, beneficiarse de consultorías, e organizar os cursos mais precisos sobre aspectos que preocupan a cada empresario.

Como mellor funcionaría a Asociación e o CCA -centro comercial aberto- sería coa maior unión de socios posible, por iso ponse á disposición de calquera empresario da comarca un e-mail (eumercoenordes@gmail.com) para que contacte con nós ao fin de poder facilitarlle toda a información que necesite e a vez explicarlle todos os beneficios que supón asociarse e traballar en conxunto.

“Logo do golpe global na maioría dos sectores derivado da recente pandemia do COVID-19 compre empezar de cero e formar unha unión consolidada que aporte beneficios a todos os asociados, por iso dende o primeiro momento poñemos a disposición de cada socio unha xerente formada en todos os temas relacionados con asociacións de comerciantes e empresarios para poder dar respostas certas en todo momento. Para nós esta é a primeira medida que indica o gran cambio que queremos conseguir”, indica David Viaño, novo presidente de Acordes.

A nova directiva que inclúe renovación e mantén parte das integrantes da anterior dirección nace con moitas gañas de traballar para conseguir crear algo que poida beneficiar a todos os socios, sexa cal sexa o seu sector de actividade, coa ilusión de salvar cada un dos baches que nos vaiamos encontrando, pensando sempre en satisfacer os clientes dos nosos establecementos ofrecéndolles xusto o que demandan e o que necesitan ó lado da casa.

Formación previa.
Tanto o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, como a concelleira de Comercio, dona Jéssica López Varela, animaron e mostraron man tendida para seguir colaborando no tempo nas iniciativas
de ACORDES. Así como mostraron a súa predisposición a ser intermediarios en todo o necesario ante a administración autonómica, especialmente a dirección xeral de comercio, para obter os maiores réditos posibles de todas e cada unha das propostas que pensan poñer en marcha nas vindeiras semanas e meses.

O alcalde de Ordes anuncioulles que os orzamentos que se van a debater en pleno nos vindeiros días inclúen unha partida económica de cara a colaboración na financiación para a contratación da xerente no presente ano, e para desenrolar outras medidas das decididas en varios encontros celebrados nas pasadas semanas con representantes da asociación, especialmente co emprego e posta a disposición de novas tecnoloxías, tanto para negocios e empresas, como para os habituais e potenciais novos clientes.

“Desexarlle o maior dos acertos posibles a nova directiva, que a xerente faga unha labor beneficiosa, e que a colaboración económica municipal axude a poñer en marcha e materializar as ideas coas que arranca esta nova directiva”, remarca a concelleira Jéssica López Varela, ao mesmo tempo que se pon a completa disposición da directiva e dos asociados para manter unha comunicación fluída, especialmente para desenrolar actividades conxuntas de dinamización e promoción.