Friday 22 de November de 2024

A Xunta declara a Área-Rexurbe da Coruña, que comprende a Améndoa Central da Cidade Vella e o Eixo Orzán-Panadeiras


No ámbito desta Área Rexurbe existen 73 inmobles con deficiencias, ademais de espazos públicos necesitados de melloras

O Consello da Xunta de Galicia declarou, na súa reunión desta mañá, a Área Rexurbe da Coruña, a través da cal se realizarán actuacións públicas e privadas dirixidas á mellora dos inmobles existentes e dos espazos públicos xunto con medidas sociais, ambientais e económicas dirixidas á mellora das condicións de vida, a creación de riqueza e postos de traballo e a dinamización demográfica.
A Área Rexurbe é unha nova figura creada pola Lei de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia, aprobada en 2019, que vai máis alá das tradicionais áreas de rehabilitación integral, xa que ademais da rehabilitación edificatoria inclúe medidas de dinamización social, demográfica e económica.
A da Coruña é a primeira Área Rexurbe que se declara nunha cidade galega e a segunda en toda Galicia, despois da de Mondoñedo, declarada no pasado mes de febreiro.
A Área Rexurbe da Coruña incluirá dous ámbitos dentro do conxunto histórico:
 Améndoa central da Cidade Vella
 Eixo Orzán-Panadeiras
A superficie total da área é de 0,08 quilómetros cadrados, existindo na mesma, segundo a memoria presentada polo Concello, 519 edificios cun total de 2.188 vivendas. Dese total existen 73 edificios que se atopan en estado deficiente, malo ou ruinoso.
A través desta nova figura, o Concello da Coruña pretende realizar actuacións de rehabilitación e mellora de edificacións e trama urbana, que incidirán sobre a situación económica e social dos ámbitos da Área Rexurbe e de toda a Cidade Histórica da Coruña, na que se insiren as dúas zonas incluídas na área.
Unha vez realizada a declaración da Área Rexurbe a Coruña, o Concello deberá redactar un plan de dinamización da mesma, na que se indiquen as medidas a adoptar e actuacións que se deben levar a cabo, o custe estimado das mesmas e as fontes de financiamento, público e privado, para levalas a cabo. No caso da Xunta de Galicia, o financiamento procederá de diversos departamentos, xa que as actuacións nunha Área Rexurbe son transversais e afectan a competencias de diversos departamentos.

Para a redacción do plan de dinamización o concello conta cun modelo elaborado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), segundo o establecido na lei de rehabilitación.
Para a redacción deste modelo de plan de dinamización o organismo público contou coa colaboración, a través dun convenio, da Universidade de Santiago de Compostela e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
O plan de dinamización que redacte o Concello da Coruña será sometido a consultas cos organismos incluídos no mesmo antes de sometelo á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, aprobación que facilitará o inicio de actuacións na Área Rexurbe coruñesa. Programa Rexurbe
Por outra parte, dentro do programa Rexurbe o Instituto Galego da Vivenda e Solo pretende adquirir este ano inmobles para rehabilitar na zona do eixo Orzán-Panadeiras, destinando a tal fin un millón de euros. O programa Rexurbe consiste en actuacións directas do IGVS, que adquire e rehabilita inmobles de vivendas en conxuntos históricos degradados, como é o caso da Coruña. Ata o momento adquiríronse inmobles nos conxuntos históricos de Ferrol, Betanzos, Lugo, Ourense, Ribadavia e Tui.
En 2020 a oferta pública de adquisición de inmobles do programa Rexurbe céntrase nas tres localidades que contan con área Rexurbe declarada (Mondoñedo e A Coruña) ou en tramitación (Ribadavia). O importe total da oferta pública é de 1,5 millóns de euros. Os propietarios de inmobles emprazados no ámbito previsto para a adquisición e que estean interesados en ofrecelos ao IGVS dispoñen de prazo ata o 25 de agosto para presentar as súas ofertas.