Esta axuda forma parte dun proxecto que durante tres anos levou a cabo a organización sen ánimo de lucro para regular a nivel nacional o bo uso de medicamentos no país
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, vén de asinar un novo convenio de colaboración con Farmamundi (Farmacéuticos Mundi) polo que axuda á implantación dun sistema racional de uso de medicamentos en O Salvador. A institución provincial colaborou con 19.163,04 euros (o 58% do custo total) na compra de material e equipamento que mellore a almacenaxe nos hospitais da rede nacional do país.
En concreto, con esta achega comprouse un refrixerador e aparatos de aire acondicionado para a conservación destes medicamentos, permitindo así facer un uso racional dos mesmos. Esta acción enmarcase dentro dun proxecto de Farmamundi que se prolongou tres anos para fortalecer o sistema nacional de farmacovixiancia en El Salvador. A iniciativa contemplaba a detección, avaliación e prevención de reaccións adversas, fallos terapéuticos e de calidade dos medicamentos.
Esta non é a primeira vez que a Deputación colabora con esta organización. Un dos últimos proxectos que se levou a cabo con fondo provinciais foi un programa para facilitar o acceso de mulleres de Nicaragura á atención primaria de saúde e a medicamentos básicos.
Así, durante a firma deste último convenio, a portavoz de Farmamundi, Beatriz Villarquide Vega, mostrouse moi agradecida pola colaboración que a Deputación da Coruña vén desenvolvendo cos seus proxectos internacionais que permiten mellorar a calidade de vida de centos de persoas en países subdesenvolvidos.