O centro, orientado á transformación de excedentes e á formación, conta tamén cunha achega de 119.600 euros do GDR Seitura 22 máis outros 12.000 da Dirección Xeral de Industrias Agroalimentarias para o deseño do proxecto
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e maila alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, asinarán este mediodía o convenio de colaboración entre ambas administracións para conventer a antiga nave dos queixos de San Ramón nun centro de ámbito comarcal de apoio ao desenvolvemento rural. O acordo supón unha achega de 103.545,99€ para as obras dun proxecto no que tamén participan Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño. O futuro centro, no que se investirán máis de 235.000 euros, concibiuse como un punto totalmente equipado para a transformación alimentaria da pequena produción da comarca, pero tamén como lugar de formación e intercambio de ideas integrado na Rede Provincial de Espazos de Traballo, da que xa forman parte Oleiros, Boiro, Brión, Ames e Carballo. Ademais da achega provincial, as instalacións tamén contan con outros 119.600 euros de subvención con fondos europeos do FEADER xestionados polo GDR Seitura 22 dentro do programa Leader. Pola súa banda, a Dirección Xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias asumiu o importe correspondente ao proxecto técnico, cifrado en 12.000 euros.
O nome definitivo do centro de transformación alimentaria será “Centro de Apoio ao Desenvolvemento Rural” e é unha iniciativa de ámbito comarcal que busca facilitarlle á pequena produción unhas instalacións axeitadas e con todos os aparellos precisos para a conservación e envasado de horta, froita, zumes e mesmo mel. Na práctica será unha pequena planta de elaboración de excedentes agrogandeiros dotada de todo o necesario para garantir a calidade do produto final e unha absoluta seguridade alimentaria. Dentro haberá, entre outro equipamento, un autoclave, cámara frigorífica, un tanque de lavado, unha zona de procesamento, unha deshidratadora, etiquetadora, prensa, espazo de almacén e incluso un grupo electróxeno especial.
Ademais o espazo tamén se concibiu como lugar no que favoreza o coworking e onde se impartan cursos e obradoiros relacionados tanto cos procesos de transformación como coa normativa relacionada coa seguridade alimentaria e a comercialización. De feito, unha vez entre en funcionamento, estará integrado na Rede Provincial de Espazos de Traballo financiados pola Deputación da Coruña dentro do Plan de Emprego Local.
O proxecto botou a andar como idea hai máis de tres anos, aínda que empezou a dárselle corpo a finais de 2018 coa sinatura dun acordo entre Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño de cara a deseñar unha proposta máis elaborada e cun alcance territorial máis amplo. O convenio suscrito entre os catro municipios limítrofes foi decisivo para obter a máxima puntuación na convocatoria do programa Leader xestionado polo GDR Seitura 22, pero tamén para recabar financiamento doutras administracións, como foi o caso da Deputación da Coruña e da Consellaría do Medio Rural.
En Moeche
O centro ocupará a antiga nave dos queixos do recinto feiral de San Ramón, situada a tan só un paso do espazo onde se desenvolven os mercados dos sábados e en pleno corazón das feiras do 11 e do 23. Unha situación estratéxica, por atoparse case no centro xeográfico dos catro concellos implicados, por ser Moeche referente da comercialización agroalimentaria de proximidade e pola dispoñibilidade de instalacións en desuso que se poden adaptar á nova finalidade. O investimento total superará os 235.000 euros (incluído o custe do proxecto e a dirección de obra) dos que practicamente o 90% se sufragarán cos fondos europeos do Leader -119.600 euros- e cos 103.545,99 € do convenio asinado este mediodía pola Deputación da Coruña e o Concello de Moeche.
A achega provincial destinarase á execución da obra na edificación e á urbanización do seu entorno, mentres que a do Leader tramitada polo GDR Seitura 22 irá maioritariamente para equipamento. Trala sinatura do convenio coa Deputación, o Concello de Moeche -como titular das instalacións- poderá iniciar o expediente de contratación. Os catro concellos implicados definirán en paralelo o modelo de xestión, no que se lle quere dar cabida tanto a pequenas explotacións agrogandeiras como a particulares que desexen elaborar os seus produtos para consumo propio ou para venda directa.
Un proxecto para darlle pulo ao rural
Entre os obxectivos que se sinalan no acordo asinado hoxe na Coruña están o de “promover a sustentabilidade económica, social e ambiental da comarca” tomando como base “a diversificación da economía de base local e a aposta pora recuperación do sector primario”. Dentro da filosofía da iniciativa tamén se recolle “a fixación de poboación, a estabilización do emprego existente e a creación de novas oportunidades laborais no rural”. Como fin do convenio figura, ademais, “promover a introdución no mercado de produtos locais, de calidade, con todas as garantías hixiénicas e sanitarias esixidas pola normativa vixente”.
A alcaldesa, Beatriz Bascoy, destacou esta mañá a importancia dun proxecto para o que os catro municipios foron capaces de atraer financiamento europeo, provincial e autonómico co que se lle poderá dar “o impulso definitivo” a unha iniciativa “na que se leva traballando moito tempo vendo outras experiencias, falando con labregos e gandeiras, analizando custes e valorando moito o beneficio que suporá un servizo deste tipo para o tecido produtivo da comarca”. A rexedora de Moeche, quen asinará o acordo en presenza dos alcaldes dos outros tres municipios promotores, tamén aludiu á situación actual: “a COVID-19 fixo que como consumidores e consumidoras volvesemos mirar ao comercio e a produción de proximidade, aos alimentos cultivados e criados preto de nós e á xente que traballa no agro. Debemos ver a crise como unha oportunidade e aproveitar ese cambio de tendencia para volver poñer en valor o sector primario e reactivar a economía do rural”.
Tralo acordo que se suscribirá hoxe ás 13.30h. no pazo provincial, o Concello de Moeche -como titular das instalacións- poderá iniciar de inmediato o proceso de licitación das obras na antiga nave dos queixos de San Ramón. O compromiso municipal é “axilizar a tramitación o máximo posible” para que a remodelación poida iniciarse despois do verán. O seguinte paso será a adquisición e instalación do equipamento interior e a aprobación do modelo de xestión e dinamización do servizo.