As entidades de cada parroquia poderán colaborar na iniciativa
A pesar das precaucións que todas e todos debemos tomar para previr contaxios, a pesar de que a maior parte das asociacións veciñais interrompesen as súas actividades e malia que posiblemente non haxa festas patronais en ningunha parroquia, ningún recuncho de San Sadurniño quedará sen eventos culturais durante este verán. E é que a Concellaría de Cultura -tras falar con varias entidades- decidiu redeseñar toda a súa programación para propor actos de pequeno formato en distintos lugares do territorio. As escolas municipais de gaita e pandeireta, o grupo de Cantos de Taberna… o Mago Teto, Lenda Ártabra, Circus Magníficus, Berros do Castro, Cé Orquestra Pantasma, Peter Punk, o Mago Dani Martín, os Cantareiros do Padroado da Cultura de Narón, Pepo Suevos, Luis Zahera, Cabe e Xoán Padín, e algunha sorpresa máis, actuarán os venres de xullo a setembro dentro do programa “Á xunta da noite”, que vén descentralizar a cultura para adaptala a esta “nova normalidade” en que nos encontramos.
O Concello retomou a actividade das escolas culturais a finais de maio e ofreceulle ao alumnado prolongalas ata xullo totalmente de balde, a condición de que os distintos grupos musicais se comprometesen a participar no proxecto “Á xunta da noite”. ¿Que de que vai isto?. Pois trátase de organizar eventos culturais en espazos abertos repartidos por todo o territorio, xa sexan áreas recreativas ou ao pé dos elementos máis destacados do noso patrimonio.
Todos os venres desde o 17 de xullo até o 18 de setembro, a partir das 20.00h. haberá pequenos espectáculos para que a veciñanza se reencontre tras tres meses case sen saír da casa. Estes eventos de pequeno formato alternarán actuacións das escolas municipais con monologuistas, espectáculos circenses e música. Serán tres actuacións cada unha das xornadas, polo que a variedade e a festa están aseguradas.
Ademais das escolas municipais están confirmados outros nomes: Luis Zahera, Pepo Suevos, Xoán Padín e Cabe García, Peter Punk, César Freiría -Cé Orquestra Pantasma-, Berros do Castro, Circus Magníficus, Lenda Ártabra, o Padroado da Cultura do Concello de Narón, o Mago Teto, o Mago Dani Martín, e algún máis pendente de confirmar. Unha parte destas actuacións encádranse na Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Pero non só iso, senón que tamén haberá petiscos para cear e sorteos de vales para consumir no comercio ou na hostalaría local, co que tamén se estará contribuíndo, por pouco que sexa, á súa recuperación trala crise.
É moi importante ter en conta que, por motivos de prevención, “Á xunta da noite” se desenvoverá cun aforo limitado a 100 persoas e con reserva previa, que haberá que solicitar no correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou no teléfono 616 332 919. Nas reservas haberá que indicar os datos persoais e o domicilio, xa que se lle dará prioridade á veciñanza de San Sadurniño. En principio todas as actuacións serán ao aire libre coa idea de gozar dos espazos tal e como son. Se desen mal tempo instalarase unha carpa.
Anotade os días programados para cada parroquia. As actuacións concretas en cada lugar anunciarémolas nos próximos días a través da web e da axenda municipal en Google Calendar, tan pronto como estea casada a distribución de espectáculos:
17 de xullo: ao pé da capela de San Cristovo de Ferreira
24 de xullo: área recreativa da Bañoca, en Bardaos
31 de xullo: ao carón da capela de Santo Estevo do Camiño Arriba
7 de agosto: adro da igrexa de Igrexafeita ou local social da Torre
14 de agosto: área recreativa de Lamas
21 de agosto: adro da igrexa de Santa Mariña do Monte
28 de agosto: ao pé do castelo de Naraío
4 de setembro: capela de Santiago de Silvalonga
11 de setembro: ao lado do palco da música de San Paio, Ferreira
18 de setembro: peche do programa na área recreativa dos Corrás, en San Sadurniño
Lembramos, ademais, que este 3 de xullo se proxectará en San Sadurniño -finca da Cortiña, 21.30h.- o filme de Ignacio Vilar “María Solinha”. Hai 200 convites dispoñibles que se poden reservar contactando con agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamando ao 616 332 919.
O obxectivo deste programa de cultura expansiva polo territorio é reanudar os encontros veciñais cunha fórmula que apela á tradición das farras e repichocas de toda a vida. Pero tamén se pretende suplir parte das actividades suspendidas polas entidades -ás que se lles proporá colaborar no programa-, darlle cabida ás escolas municipais que este ano quedaron sen peche do curso e, por que non dicilo, contribuír á reactivación económica do sector cultural galego xunto coa do noso comercio e a nosa hostalaría.
Apoio ao tecido sociocultural
Porén, “Á xunta da noite” non significa restrinxir as opcións de que as asociacións e colectivos do territorio promovan eventos pola súa conta e que incluso os fagan coincidir con este programa municipal. É máis, o Concello mantivo un encontro con elas a principios de mes no que se lles informou de que seguen tendo á súa disposición a partida de 24.000 euros do orzamento municipal para financiar actividades e investimentos, aínda que simplificándolles o método de solicitude.
A falta de definir os pormenores do procedemento, en principio só fará falla que presenten unha pequena memoria explicativa e valorada do que vaian organizar e -despois de que o Concello confirme a xuda- achegar a correspondente xustificación de gastos coas facturas oficiais e as certificacións das transferencias efectuadas.