Antes de que finalice o 2021 convocaranse as probas para cubrir 436 prazas, das que 180 son de libre concorrencia, o que supón, segundo José Manuel Lage, “unha clara aposta por reforzar os servizos públicos”
O Goberno local dará luz verde á maior incorporación de novo persoal municipal ao concello na última década. O executivo de Inés Rey fai un esforzo para ofertar emprego público nun momento de especial
incerteza económica. En total, serán 71 as prazas da quenda libre que se convoquen para dotar de persoal a diferentes servizos, ás que hai que engadir 109 do plan de estabilización, tamén en libre concorrencia. A previsión municipal é completar todos os procesos selectivos antes de que finalice 2021.
A Oferta Pública de Emprego (OPE) do ano 2020 contempla as 38 novas prazas, cubrindo todas as que permite a taxa de reposición. Porén, a Concellería de Economía, Facenda e Réxime Interior decidiu ampliar ao máximo a oferta de emprego público engadindo outras 33 que ou ben non foron convocadas ou ben están pendentes de concurso durante o anterior mandato.
A oferta de emprego público inclúe tamén 256 prazas de promoción interna, boa parte delas pendentes das probas correspondentes desde anos anteriores. En total, son 436 prazas, ás que hai que sumar as xa cubertas ou en proceso durante o actual mandato, como os 38 postos na Policía Local.
As probas selectivas previstas teñen un dobre obxectivo: por unha banda dotar do persoal necesario o concello para acadar unha mellor prestación dos servizos públicos e, pola outra, contribuír a dinamizar a economía local xerando emprego de calidade.
O concelleiro de Economía, Facenda de Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, reuniuse hoxe cos representantes sindicais para expoñer a proposta na Mesa Xeral de Negociación, que proximamente levará a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación. “O Goberno que preside Inés Rey está comprometido coa prestación de servizos e coa creación de emprego, dous obxectivos que nestes momentos teñen, se cabe, máis relevancia”, indicou Lage Tuñas, que encadrou a nova oferta pública
de emprego dentro das accións que está a levar a cabo o Goberno local para reactivar a economía local e “na clara aposta por reforzar os servizos públicos”.
Ás 180 prazas previstas en libre concorrencia hai que engadir as que están xa en proceso ou cubertas desde este mesmo ano. Así, o Executivo local reforzou o corpo de Policía Local con 38 novos axentes, que se están a incorporar ao servizo nos últimos meses.
Reforzo de servizos
Por outra parte, o Concello modificará a Relación de Postos de Traballo para reorganizar e facer máis efectiva a acción municipal. Así, reforzarase a Área de Contratación con cinco incorporacións de persoal doutras áreas, e unificarase a actividade administrativa en Benestar Social, para axilizar así a tramitación de expedientes. Ademais, créanse dous servizos novos: Patrimonio e Concesións e Economía, ambos dependentes da Concellería de Economía, Facenda de Réxime Interior, que pasa a englobar un total de 13 servizos.