O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou esta mañá o Festival Primavera TRC-Danza 2020, cos espectáculos de Ánxela Branco, Cristina Balboa e Javier Martín do 25 ao 27 de xuño, e actividades creativas para fomentar a participación do público en ambos os recintos
O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, e o director do Teatro Rosalía, Paulo Rodríguez, presentaron esta mañá o Festival Primavera TRC-Danza 2020, xunto á responsable do Teatro Colón, Bettina Kohlhaas; a coordinadora do proxecto Programación Expandida para o TRC- Danza, Caterina Varela; a mediadora e condutora do Taller de Públicos do TRC- Danza, Sabela Mendoza; e o creador e bailarín, Javier Martín. O edil manifestou a súa satisfacción ao poder presentar a programación do Teatro Rosalía, que colaborará co Teatro Colón: “É o momento de volver á cultura, de devolverlle á cultura o que a cultura nos deu durante o confinamento”.
Celemín animou á cidadanía a que se achegue aos recintos culturais, en que estará garantida a seguridade e hixiene, para desfrutar do teatro e a danza. Pola súa parte, Paulo Rodríguez explicou que a programación nace co propósito de aglutinar as funcións do ciclo TRC-Danza do primeiro semestre, que se adiaron ou cancelaron pola pandemia e concentralas nuns cantos días. O responsable destacou a estrea o día 25, ás 21.00 horas, da obra “Thesaurus”, de Ánxela Branco, xunto ás creacións “O que segue”, de Cristina Balboa, que se poderá ver o 26 á mesma hora, e “Soma”, de Javier Martín, programada para o 27 tamén ás 21.00 horas. Ademais, completarán a posta en escena cunha programación expandida que contextualizará as obras: “Retomamos este ciclo porque está destinado a un público máis novo que pode ter a iniciativa de se meter no teatro”.
O director falou dunha Cristina Balboa e o seu discurso de hibridación de disciplinas e da proposta do creador local Javier Martín como pezas vivas que virán da man dunha batería de obradoiros, distribuídos en tres modalidades e espazos como son a sala Xan Eirís, no terceiro andar do Teatro Rosalía, e no Teatro Colón. Neste último terán lugar tres prácticas baixo o título de “Miradas periféricas”. Unha terceira parte dos talleres serán en liña para que a xente que non se atopa na cidade poida participar nas accións colectivas de danza e creación contemporáneas pensadas para estes días.