Saturday 16 de November de 2024

Máis de 200 veciños e veciñas aplaudiron aos rapaces e rapazas da Aula de Música de Oroso durante o Festival de Aninovo


Máis de douscentos veciños e veciñas encheron na tarde-noite de onte venres o salón de actos do centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro durante a terceira edición de Festival de Aninovo da Aula de Música de Oroso. Un concerto moi ameno e ameno no que participaron máis de medio cento de rapaces e rapazas, de idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos, que amosaron os grandes avances acadados ao longo dos últimos anos.

De feito, e a diferenza de edicións anteriores, nesta ocasión a música clásica mesmo chegou a perder o seu protagonismo fronte a cancións pop, bandas sonoras, jazz e rock, o que sorprendeu aos presentes e foi moi aplaudido. Un apoio que foi agradecido polo director da Aula de Música de Oroso, Juan Salgueiro, quen convidou aos presentes a un novo concerto o próximo venres 30 de xaneiro, nesta ocasión a cargo dos profesores da Aula orosá.

O concelleiro de Cultura, Antonio Leira, foi o encargado de dar a benvida aos máis de douscentos veciños que ateigaban o centro cultural de Oroso. Leira Piñeiro destacou especialmente o traballo desempeñado ao longo dos últimos anos pola Aula de Música de Oroso, “onde conseguimos un centro no que os nosos nenos aprende e, sobre todo, disfrutan coa música”.

Actuacións variadas

O festival arrancou coa actuación dos máis pequenos, os nenos e nenas de Música e Movemento, de idades comprendidas entre os 4 e os 7 anos, que interpretaron unha canción popular instrumental cos seus violíns e instrumentos de percusión. Tomaron o relevo seis actuacións individuais ou a dúo, que interpretaron dende música tradicional asturiana, irlandesa e xudía ata cancións pop de Amaral ou Malú. Tomaron o relevo un grupo de cámara con tres violíns, contrabaixo e piano que interpretaron “Canon en Re”.

A actuación máis aplaudida da noite foi tamén a máis numerosa, pois reuniu á orquestra e coro da Aula de Música de Oroso, que interpretaron tres pezas: “Sad Movie”, “Bela e besta son” (da BSO “A Bela e a besta”) e mesmo se atreveron a cantar en francés “Vois sur ton chemin” (da BSO “Os chicos do coro”). O broche de ouro e a actuación máis sorprendente da noite foi a de “Os Ghunmimákina´s”, un combo de música moderna formado por cinco mozos orosáns que comezaron con “Work song” (Cannonbal Adderley), sorprenderon cun “Sweet home Chicago” (Robert Johnson) e arrincaron unha gran ovación co coñecido “7 nation army” de The white stripes.

A próxima cita coa música en Oroso terá lugar o venres 30 de decembro coa actuación dos mestres da Aula de Música de Oroso, que durante este concerto estiveron dirixindo e acompañando ao teclado algunha das pezas.