A proposta de actividades inclúe campamentos de verán, campos de voluntariado e como novidade minicampamentos de cinco días
A Xunta presentou esta semana a campaña de verán para este 2020, que baixo o nome O verán que necesitas pon á disposición da mocidade 1.809 prazas en diferentes actividades e campamentos de verán na provincia da Coruña. A proposta de actividades, que comezarán na segunda quincena de xullo e se prolongarán ata comezos do mes de setembro, inclúe campamentos de verán, campos de voluntariado e como novidade minicampamentos de cinco días, de luns a venres, en establecementos turísticos. O prazo de solicitude abriuse o pasado martes e terá unha duración de sete días hábiles.
Entre as novidades deste ano está o incremento da variedade das actividades con campamentos de cociña no Centro Superior de Hostalería de Galicia e realizaranse actividades novas en Aldea do Couto (Ponteceso), Albergue de Mazaricos, Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol e no Albergue Alvarella.
Así mesmo, un ano máis poderán participar todas as mozas e mozos de Galicia con independencia das súas capacidades ou necesidades especiais. Neste sentido, lembrou que existe unha convocatoria específica para as persoas con discapacidade de entre 11 e 40 anos dotada este ano con 132 prazas. Na provincia da Coruña ofértanse prazas no Albergue Xuvenil de Gandarío.
Protocolo específico
Este programa pretende agradecer a nenos e pais o esforzo realizado durante os últimos meses de confinamento. Baixo o nome O verán que necesitas, esta campaña permitirá darlle as familias un servizo de conciliación atendendo sempre ás medidas de hixiene e seguridade que require actual situación.
Por iso, esta decisión foi consensuada co Comité Clínico, o cal ve viable a súa realización sempre que se garantan as medidas establecidas polas autoridades sanitarias como a redución do aforo nas instalacións para garantir o distanciamento de 1,5 metros, o reforzo do persoal monitor, que permitirá traballar en grupos máis reducidos nas actividades e o incremento das medidas hixiénico sanitarias.