Friday 22 de November de 2024

Comezan as obras de reforma integral na piscina municipal de Lousame, nas que o Concello investirá máis de 114.000 euros


Os traballos deron comezo coa demolición do antigo pavimento e a ampliación da zona de praia
O Concello de Lousame vén de iniciar as obras de reforma integral da piscina municipal, adxudicadas á empresa Jstop Obras y Servicios SL por 114.5000 euros e un prazo de execución de tres meses. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “estamos falando dunha obra moi necesaria, pois a piscina precisaba dunha importante reforma para mellorar o seu funcionamento e a calidade do servizo que se lle presta á veciñanza”.
Unhas obras que deron comezo este mes de xuño e que estarán rematadas o vindeiro 31 de agosto. “Tiñamos todo preparado para que as obras puideran estar finalizadas neste mes de xuño pero a paralización dos prazos administrativos derivada da declaración do estado de alarma pola pandemia da Covid-19 atrasou todo o procedemento e fixo que as obras deran comezo xusto cando tiñan que estar rematadas”, apunta a alcaldesa lousamiá.
As obras deron comezo a pasada semana coa demolición do antigo pavimento e dun muro perimetral, para proceder posteriormente á ampliación da zona de praia. “A actuación permitirá unha reforma integral da piscina municipal, con actuacións non visibles pero moi importantes como a impermeabilización do vaso da piscina para evitar fugas de auga e a reparación das instalacións da sala de máquinas. Despois estará a colocación dun novo pavimento e a realización de arranxos na zona das duchas e na carpintería interior, que nos viñan reclamando os veciños e veciñas de Lousame”, explica Teresa Villaverde.
O proxecto inclúe o cambio do sumidoiro do vaso por outro novo con rexilla de plástico e a revisión e selado de inxectores do vaso da piscina. Tamén se impermeabilizará o vaso da piscina cunha membrana antiesvarante e instalarase un novo pavimento no exterior. Este novo solo estará feito en soleira de formigón armado sobre encachado de pedra granítica.
Finalmente, contémplase a ampliación da zona de praia da piscina en 4 metros, para o que foi preciso o derrubo e reconstrución do muro perimetral da instalación.
Na sala de máquinas está previsto colocar dunha nova electrobomba centrífuga, un novo caudalímetro electromagnético, unha nova sonda a nivel e un novo circuíto de tuberías, válvulas e accesorios precisos para o vaso da instalación. Así mesmo, instalarase unha nova fontanería na sala de bombas, un novo cadro eléctrico e dous novos reguladores do pH e do cloro da auga piscina.
Na parte eléctrica, colocarase unha rede eléctrica de distribución interior da sala de máquinas, substituirase o alumeado da zona de vestiarios e colocarase unha nova instalación de electricidade para o alumeado exterior, con novas luminarias LED. Ademais, deixarase unha canalización en tubería de PVC para unha posterior instalación de paneis solares.
No resto da instalación está previsto actuar sobre a carpintería e as paredes, ás que se lles aplicarán tratamentos protectores (insecticida, funxicida e termicida) e antihumidades, así como dúas mans de pintura. As obras están incluídas no Plan Complementario do Plan Único 2019.