A alcaldesa sinalou que non permitirá as cacharelas nos espazos públicos, a música ao vivo, o corte de vías públicas nin o acceso ás praias da cidade
A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse esta tarde coas e cos representantes das asociacións veciñais e de hostalaría de toda a cidade para lles trasladar a decisión do Goberno municipal en relación coa celebración do San Xoán na Coruña.
A rexedora recordou os anuncios que xa fixeron públicos sobre o peche das praias desde aproxidamente as nove da noite do día 23 e a prohibición de facer cacharelas, non só nos areais, senón tamén en todo o termo municipal. Manifestou que todas e todos debemos asumir que este ano o San Xoán será diferente aos demais e apelou á responsabilidade individual e colectiva para evitarmos conductas que poñan en risco a saúde da veciñanza.
A alcaldesa informou aos colectivos veciñais e de hostalaría que o concello formulou o pasado venres unha consulta á Xunta de Galicia sobre as actividades que se poderán realizar esa noite, unha consulta que foi ampliada onte, unha vez que o DOG publicara o sábado o acordo do Consello da Xunta de Galicia referente ás normas sanitarias nesta fase de “nova normalidade”. A Xunta non achegou aínda
resposta sobre o tema, de modo que a alcaldesa sinalou que emitirá un bando para informar á poboación da prohibición ao acceso a todas as praias da cidade, a realización de cacharelas en calquera zona pública e a música ao vivo. Tampouco haberá cortes de vías públicas.
O día 23 de xuño permitirase a realización de sardiñadas, churrascadas ou similares nos espazos solicitados polos locais e persoas particulares para a ocupación de vía pública. Só poderán facerse das 13.00 ás 16.00 horas e das 20.00 ás 00.00 horas do día 24. Para iso, as persoas solicitantes deberán presentar unha declaración responsable polo menos 24 horas antes do día 23. Neste aspecto, Seguridade
Cidadá vixiará durante toda a xornada o cumprimento do acordado pola Xunta de Galicia sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, unha vez superada a fase 3 do Plan para a transición cara unha nova normalidade. Nesta publicación, o Goberno autonómico limita a un 75% a capacidade da clientela no interior dos locais e a un 80%, nas terrazas.