A concelleira de Innovación e Emprego, Eva Acón, asistiu hoxe á presentación de Restaura Coral, unha acción de formación que se centra no turismo sostible e no ámbito mariño
A concelleira de Innovación e Emprego, Eva Acón, participou esta mañá no espazo Papagaio na presentación do programa formativo Restaura Coral. Unha acción que busca crear empregos de calidade dotando aos participantes das ferramentas necesarias para poñer en marcha empresas sostibles na área da restauración mariña. Galicia, xunto a Andalucía e Baleares, son as tres comunidades españolas que participan nesta iniciativa.
A concelleira destacou que “o noso compromiso coa economía circular e o desenvolvemento sostible lévanos a colaborar na posta en marcha deste programa”, que coida o noso medio mariño. Para Acón, Restaura Coral supón un paso máis cara á un sistema máis sostible no que se utilicen os recursos dispoñibles, “un sistema polo que ou concello aposta plenamente”.
A concelleira destacou que a intención do concello é “formar e crear emprego de calidade” e destacou o marcado carácter social da iniciativa que dará prioridade a persoas con diversidade funcional e menores de 35 anos, que terán a oportunidade de desenvolver e mellorar as súas competencias emprendedoras nunha área tan innovadora como a restauración do medio mariño.
Sinalou que no momento actual este tipo de iniciativas son mais que importantes que nunca xa que “estamos a superar unha pandemia que fixo cambalear os cimentos da nosa sociedade e da nosa economía”.
Isto pon de relevo, insistiu, a implicación e o compromiso do Concello e do resto de administracións coa formación e coa reactivación do mercado laboral, en todos os sectores e, por suposto, tamén nun sector ao que non se dedicou ata o de agora o tempo nin a atención merecida.
Esta previsto que na Coruña se celebren dúas accións de innovación social. A primeira que comeza hoxe e que se desenvolverá ata o 2 de xullo, e unha segunda en setembro. O programa, con apoio e financiamento do Fondo Social Europeo en colaboración coa Fundación Biodiversidade do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, centrarase no emprendemento azul, o turismo sostible e a restauración de arrecifes e colonias de coral.
Doutra banda, o director creativo do programa, Óscar Caro, explicou que se seleccionarán cinco iniciativas de emprendemento e se lles proporcionarán as ferramentas necesarias para a posta en marcha dunha empresa sostible en beneficio do medio mariño e da comunidade local.
O programa, que será presencial e en horario de mañá, contará con todos os protocolos e medidas de seguridade indicados polas autoridades sanitarias e os participantes terán a oportunidade de coñecer a expertos internacionais sobre emprendemento azul ou ecoturismo e de visitar a granxa de coral en Viveiro.