Friday 22 de November de 2024

AENOR certifica o protocolo de medidas aplicado pola Compañía de Tranvías fronte á Covid-19


O compromiso da Compañía de Tranvías coa seguridade dos seus empregados e viaxeiros queda apoiado pola certificación dos seus protocolos de actuación fronte ao coronavirus, que referenda a eficiencia de todas as medidas aplicadas ata o momento

O compromiso da Compañía de Tranvías de converter o autobús nun espazo seguro para viaxar e a súa eficacia á hora de implantar as medidas de protección para viaxeiros e condutores viuse referendado pola certificación AENOR fronte á Covid-19.
Este selo avala así as medidas de hixiene e prevención implementadas pola Compañía de Tranvías, no seu compromiso coa saúde e seguridade tanto dos seus traballadores como dos usuarios do transporte público, desde a implantación do estado de alarma. Entre elas figura a colocación de biombos de seguridade na cabina do condutor ou as medidas especiais de limpeza e desinfección dos vehículos, incluíndo a instalación de dispensadores de xel hidroalcohólico ao dispor das persoas usuarias. Deste xeito, e unha vez que se reinstaurou o 100% do servizo, o certificado pon de manifesto a seguridade do transporte público coruñés e outorga a confianza necesaria para ir recuperando o modelo de mobilidade sostible que promoveu sempre a compañía, apostando polo transporte colectivo como o medio máis eficiente e ecolóxico para desprazarse na cidade da Coruña.

 

O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, felicitou á Compañía de Tranvías “polo esforzo realizado tanto na escalada como na desescalada” e asegurou que “o certificado nos deixa unha mensaxe fundamental á veciñanza: a recuperación da confianza no servizo público de transporte”. O edil sinalou que “desde o concello apelamos á responsabilidade no cumprimento das normas e tamén a esa mensaxe de confianza da cidadanía, necesaria para recuperar o transporte público”.
Pola súa banda, o director da Compañía de Tranvías, Ignacio Prada, asegurou que “temos o 100% do servizo funcionando de novo e con todas as garantías de protección, tal como confirma AENOR. A súa certificación fronte ao COVID-19 é o aval que necesitabamos para transmitirvos a nosa mensaxe de confianza, de modo que poidades estar absolutamente seguros de que a Compañía de Tranvías puxo e seguirá poñendo o seu máximo esforzo en garantir a vosa seguridade. A mobilidade sostible sufriu unha alteración que hoxe é fundamental ir recuperando. O transporte colectivo é o modo máis eficiente e ecolóxico de desprazarse e estamos nun momento crucial para recuperar eses valores, para volver viaxar en autobús, sabendo que este nos ofrece a máxima seguridade. É hora de volver ao noso vello lema: Vaia onde vaia, vaia en autobús”.
O selo especial de AENOR para protocolos fronte á Covid-19 avala a adecuada implantación e despregamento de medidas de seguridade e hixiene de maneira que as empresas e institucións poidan referendar ante os seus usuarios e usuarias, os seu cadro de persoal e os seus clientes/as que nas súas instalacións están a desenvolverse prácticas eficaces para a xestión dos riscos derivados do coronavirus. Desta forma, apóiase ás empresas na volta aos centros de traballo e ás actividades nos comercios e instalacións de todo tipo.
A avaliación que realiza AENOR valora aspectos como a xestión de riscos, a xestión da saúde no traballo, a formación, información e comunicacións desenvolvidas; as medidas organizativas e de protección, así como as boas prácticas de limpeza e hixiene, entre outros. Para a obtención desta certificación foi necesario realizar unha exhaustiva auditoría, tanto presencial como documental, co obxectivo de contrastar os protocolos que aplica a compañía e asegurar que se fan coa metodoloxía desenvolvida por AENOR.