Saturday 23 de November de 2024

O Concello de Brión inicia as obras de mellora do alumeado público das parroquias dos


Ánxeles e Brión, nas que inviste 180.000 euros Nestes días estase a proceder á substitución das 86 luminarias da avenida de Santa Minia por outras tipo LED que permitirán un aforro de 49.364 kWh/ano

O Concello de Brión está a executar estes días a renovación das 86 luminarias da avenida de Santa Minia-Pedrouzos, unha actuación incluída dentro dun proxecto máis amplo de renovación do alumeado público das parroquias dos Ánxeles e Brión por un total de 181.009,95 euros adxudicado á empresa Esqueiro SL. Unha actuación que inclúe a substitución dun total de 173 luminarias tipo “Fernandina” por outras de alta eficiencia e tecnoloxía LED que permitirán un aforro de 99.302 kWh/ano.
As obras iniciadas neste mes de xuño están a supoñer o cambio das 86 luminarias instaladas na avenida de Santa Minia e permitirán un aforro enerxético de 49.364 kWh/ano. As novas lámpadas LED supoñen unha redución da potencia da lámpada, que pasa de 150 a 25 W, e elimina os actuais 15 W da potencia do equipo auxiliar. Esta actuación na avenida de Santa Minia é a máis importante deste proxecto, pois representa o 50% do mesmo.
A empresa está procedendo nestes días á substituír os apoios existentes, xa que non teñen a altura suficiente para cumprir cos parámetros lumínicos requiridos e proporcionar unha uniformidade axeitada, polo que as novas luminarias terán unha altura de 6 metros. As novas luminarias mellorarán tamén a mobilidade dos peóns, xa que son máis estreitas e facilitarán o paso de carriños de bebé e cadeiras de rodas.
Finalmente, procederase á reforma completa dos cadros de mando e protección, á substitución dos equipos actuais de acendido por reloxos astronómicos e á substitución dos tramos de cableado eléctrico soterrado. Todas estas actuacións permitirán diminuír ata nun 60% o fluxo emitido, mantendo os niveis de alumeado necesarios de acordo co Real Decreto 1890/2008.
Unha vez rematados estes traballos na avenida de Santa Minia-Pedrouzos, procederase a completar o proxecto coa substitución das 37 luminarias ata o cruce dos Ánxeles, na estrada AC-541 Os Ánxeles-Brión; así como as 50 luminarias do Tremo, ao longo da AC-543 Santiago-Noia. As obras teñen un prazo máximo de execución de dez meses.
Para a realización destes investimentos, o Concello de Brión conta cunha achega do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica.