O pasado 31 de maio finalizou o segundo período de solicitude de praza na EIM A Rolada, destinado a recoller aquelas peticións formuladas por familias que non tiveron crianzas no centro durante o presente curso. O reconto final -sumándolle as reservas feitas na primeira quincena de marzo- deu como resultado que para o curso 2020-21 se solicitou praza para un total de 25 nenas e nenos, co que o centro aínda disporía de 13 vacantes, sempre e cando as familias admitidas formalicen a matrícula. Por outra banda, a área de Igualdade ten xa ultimados os detalles do servizo de canguraxe que se lles ofrecerá a aquelas familias afectadas polo peche da EIM no presente curso e que precisarán un servizo de conciliación para os meses de xullo e agosto. A intención do Concello é proporcionarlles un paquete de entre 55 e 75 horas gratuítas prestadas a domicilio pola empresa xestora da escola infantil que, de ser necesario, as familias poderían ampliar despois pola súa conta acolléndose ao Bono Coidado extraordinario da Xunta.
A EIM A Rolada ten capacidade para atender 38 nenas e nenos de entre 3 meses e 3 anos de idade. Estas prazas distribúense por aulas do seguinte xeito: 8 para as criaturas máis noviñas, 13 para as que están entre 1 e 2 anos e as 17 restantes para acoller cativería de 2 a 3 anos.
As prazas ocúpanse en dúas quendas de solicitude, a primeira para familias con rapazada xa matriculada e a segunda -a que rematou a finais de maio- para a incorporación de novo alumnado en calquera dos tres cursos na medida en que haxa vacantes trala reserva.
Ao peche de ambos períodos -o de reserva e o de novo ingreso- no Concello rexistráronse 25 solicitudes con distintos niveis de demanda dependendo dos cursos. Así, para meniños e meniñas de 0-1 ano só houbo unha petición, co que a aula aínda pode ofertar alomenos 7 prazas. Na unidade de 1 a 2 anos houbo 10 solicitudes entre reservas e novos ingresos, de maneira que a EIM disporía aínda de 3 prazas vacantes na segunda etapa do centro.
O maior número de peticións produciuse para a aula de 2 a 3 anos, onde se rexistraron 14 peticións, tres menos que no curso anterior. A cifra supón que para o último nivel da Escola Infantil Municipal aínda haxa dispoñibles tres prazas.
Con todo, os números non son definitivos, dado que, tras publicarse onte a relación provisional de alumnado admitido, hai un período de reclamacións de 10 días. É un prazo que se debe gardar si ou si, xa que vén recollido no regulamento de funcionamento do centro.
Ao terse aceptado todas as solicitudes -ás familias xa se lles comunicou e o listado está exposto na EIM e no taboleiro de anuncios do Concello- o máis seguro é que non haxa ningún tipo de alegación. Unha vez que se complete este prazo -e despois de resolver as alegacións, se as houbese- abrirá un segundo prazo de 15 días naturais para confirmar e formalizar a matrícula no Concello, algo que se ha de facer, preferentemente, a través da Sede Electrónica ou ben de forma presencial con cita previa chamando ao 981 490 027.
No momento en que se complete ese último período e se coñeza o número final de matrículas efectuadas saberase tamén o número total de vacantes dispoñibles en cada aula para o próximo curso. A adxudicanción das prazas libres farase directamente na medida en que vaian chegando solicitudes.
Incertidume sobre o arranque do curso
Mentres o proceso de admisións na EIM A Rolada continúa o seu trámite, o Concello segue agardando para coñecer os protocolos que se deberán aplicar para garantir a seguridade das crianzas, das familias e tamén das mestras. Se ben nestes momentos Galicia está xa fóra do Estado de Alarma e dentro da chamada “nova normalidade”, a obriga de minimizar riscos en todas as actividades segue presente.
Por este motivo, a Consellaría de Política Social, como organismo competente en materia de atención á infancia, debe definir as condicións de apertura e de prestación dos servizos tanto en centros públicos -como é o caso da Rolada ou da rede A Galiña Azul- como nos centros privados.
Desde o departamento de Igualdade pídese que este protocolo da Xunta “non se demore moito máis”, tal e como solicita a concelleira responsable, Ana Belén Breixo. Segundo comenta “é necesario saber o antes posible como debemos adaptar a nosa escola á nova normalidade”.
Servizo municipal de canguraxe
Desde a área de Igualdade tamén se traballa para facilitarlles ás familias afectadas polo peche da escola un servizo “profesional e de calidade” que lles axude a conciliar durante os meses de xullo e agosto. O Concello anunciou a medida hai unhas semanas, en espera de que a Xunta aclarase as súas propias accións neste ámbito. O Goberno autonómico sacou hai uns días o Bono Coidado extraordinario que proporcionará un máximo de 500 euros mensuais a aquelas familias con ingresos netos de ata 2.500 euros -ou 806 percápita se se superan-, para contratar persoas coidadoras ou para compensar as perdas retributivas no caso de que un dos proxenitores deba pedir redución de xornada ou unha excedencia para atender a rapazada.
O servizo de canguraxe deseñado polo Concello de San Sadurniño vén ampliar as opcións de conciliación nun momento de incertidume en que as familias teñen as escolas pechadas e dificultades para atopar unha solución que se axeite ás súas necesidades.
Será un servizo gratuíto a domicilio ao que poderán acollerse durante xullo e agosto as familias con nenas e nenos matriculados na EIM no presente curso e que non teñan outra opción para conciliar.
Dependendo do número de peticións ofreceráselle a cada familia unha bolsa de entre 55 e 75 horas prestadas por Bolboreta S.C. A empresa conta cun equipo profesional e especializado que tamén se encarga da xestión da escola infantil, de maneira que a rapazada -que xa coñece ás mestras- non precisará período de adaptación, tendo en conta ademais que durante o confinamento seguiron mantendo contacto con familias e menores.
Proximamente ampliarase a información sobre o programa, que prestará unha atención personalizada e adaptada aos horarios de nais e pais. Ademais, de precisarse unha ampliación do servizo, as familias poderán solicitarlle directamente á empresa horas a maiores que despois se poderían financiar con cargo ás axudas do Bono Coidado autonómico, en prazo de solicitude até o 13 de xullo