O persoal traballador continúa cos labores de limpeza e desinfección dos recintos e dos xogos para a cativada
O concello abrirá de maneira gradual os parques infantís da cidade tras tres meses pechados pola pandemia da Covid-19. As nenas e nenos da cidade poderán desfrutar das áreas de xogos a partir de hoxe, data en que na Coruña, como no resto de Galicia, finaliza o estado de alarma.
Desde a Concellería de Infraestruturas anuncian que os equipos de limpeza do concello continúan cos labores de desinfección dos recintos e dos xogos infantís para garantiren o seu perfecto estado. Ademais están colocando uns carteis provisionais, que informarán sobre a capacidade de cada parque. Tan só
permanecerán pechados aquelas instalacións que están actualmente en obras como as dos Rosais, Tabacos e As Conchiñas.
O concello pídelle á veciñanza que use as instalacións con prudencia e “sentidiño”, porque aínda que a evolución é boa, o virus segue activo e hai que evitar posibles brotes.