A actuación pretende dotar dun novo espazo público á parroquia, pero tamén desbloquear a estrada durante as celebracións relixiosas adecuando a zona coma estacionamento temporal
O presidente da Deputación, Diego Calvo, vén de asinar un convenio de colaboración co alcalde de Boiro, Juan José Dieste Ortigueira, polo que a institución provincial achegará 191.028,66 euros para a reforma da praza pública do lugar de Ameán, en San Andrés de Cures.
O proxecto pretende mellorar un espazo público para os veciños da parroquia e en xeral de todo o municipio, xa que este é un punto conflitivo para o tráfico de Boiro en momentos puntuais coma as festas patronais. “Actualmente supón un embude e con esta reforma resolveremos o problema”, declarou Dieste.
A obra consiste na ampliación deste espazo ata os 1.200 metros cadrados, o que permitirá dotar dun lugar de reunión e de ocio aos residentes no entorno. A praza terá o firme de formigón e zonas verdes con céspede e especies arbóreas autóctonas. Ademais, preténdese que esta área sirva de zona de estacionamento temporal para as distintas celebracións relixiosas e así desbloquear a estrada principal. A Deputación asume o 90% do orzamento do proxecto, que suma un total de 238.785,82 euros.
O alcalde sinalou durante a sinatura do convenio que nos próximos meses pretende completar o proxecto cunha segunda fase na que se ampliará a estrada en oito metros e así dotala de beirarrúas e aparcamentos en batería e axilizar así aínda máis a mobilidade.