O BOP publica hoxe a aprobación definitiva do orzamento 2020 do Concello de Brión, aprobado inicialmente en febreiro pola unanimidade dos grupos políticos municipais. Un orzamento equilibrado que ascende a 6.745.220,39 euros, un 6,63% máis co ano anterior (6.326.110,96 euros), e que incrementa nun 10% a partida destinada a Servizos Sociais e Emprego.
Unhas contas ás que non se presentou ningunha reclamación, pero cuxa exposición pública prolongouse catro meses debido á suspensión dos trámites administrativos derivada do decreto do estado de alarma, que hoxe se levanta en Galicia. Os orzamentos brioneses foran aprobados o 27 de febreiro e publicados inicialmente o 3 de marzo, polo que a súa tramitación quedou interrompida pola crise sanitaria da Covid-19.
Os orzamentos contemplan unha partida de 1.019.855,25 euros dedicada a investimentos reais, un 15,12% máis co exercicio anterior. Unha achega á que haberá que engadir un millón de euros para a pavimentación das principais estradas do municipio en aglomerado en quente.
Entre os investimentos previstos figuran as obras incluídas no POS+ 2020, que recolle un investimento de 53.561,91 euros da Achega Provincial 2019 a un proxecto de obras de mantemento e mellora de beirarrúas en Lamiño e Liñares, ao que o Concello de Brión achegará outros 864,41 euros.
Así mesmo, o Concello de Brión destinará os 262.621,83 euros do Plan Complementario a dous proxectos: mantemento e mellora de aldeas e camiños en Trasouteiro, Brión de Arriba, Saíme e Espiñeiros (115.846,93 euros) e mantemento e mellora das redes de abastecemento e saneamento de Chave da Ponte, rúa Gondar, Cabanas-Saíme, Bastavaliños, Soutullos e Bemil (146.774,9 euros). Outras iniciativas importantes son a mellora da seguridade viaria na travesía de Bastavaliños, que conta cun orzamento de 306.735,47 euros, incluída no POS Adicional 1/2019.
Desglose das contas
Dun breve desglose das contas recóllese un incremento do 8,47% con respecto a 2019 en gastos de persoal (2.420.825 euros) e do 4,73% para mantemento de servizos básicos (2.711.229 euros) e, sobre todo, nos servicios prestados por outras empresas e profesionais de Concello. Pola contra, baixa nun 8,57% o Capítulo IV de transferencias correntes, sobre todo pola achega menor á Mancomunidade.
No que atinxe aos ingresos, non se contempla o incremento de ningún imposto ou taxa municipal, de forma que se contemplan 2.048.081 euros en impostos directos (1.871.426 euros de 2019) e 74.242 euros en impostos indirectos (43.134 euros en 2019), así como 1.343.163 euros en taxas e outros ingresos (fronte aos 1.217.485 euros de 2019). Finalmente, contémplanse 2.655.578 euros de transferencias correntes e 596.702 euros en transferencias de capital.