Friday 22 de November de 2024

O Concello modificará o itinerario de Santa Mariña ao Cemiterio dos Ingleses para protexer a duna


A nova ruta foi elaborada da man da Asociación O Camiño dos Faros, que reivindicaron a zona como “os mellores 4 quilómetros de sendeirismo existente en Galicia”.

O goberno local do Concello de Camariñas mantivo onte, sábado 13 de xuño, a súa reunión semanal habitual. Un dos principais asuntos que se acordaron foi a modificación do itinerario de Santa Mariña ao Cemiterio dos Ingleses, incluído no Camiño dos Faros, co obxectivo de protexer a duna de Monte Branco.
A Asociación O Camiño dos Faros púxose en contacto coa alcaldesa, Sandra Insua, para que se aproveitasen os traballos de limpeza e desbroce ,iniciados polo Concello esta semana, para cambiar a ruta. No novo itinerario, no canto de subir polo Penal de Veo, habilitarase un camiño polo litoral que o bordea, evitando así o paso polo sistema dunar.
“Estamos a falar dun espazo protexido polo que cremos que é un cambio totalmente necesario para poder preservalo”, explicou Sandra Insua. A rexedora tamén anunciou que “se instalarán uns paneis que recordarán aos sendeiristas que non se poden desviar do camiño sinalizado”.
Pola súa parte, desde a Asociación O Camiño dos Faros reivindican esta zona como “os mellores 4 quilómetros de sendeirismo existente en Galicia” e destacaron que “as opcións eran regulalo ou prohibilo para a súa protección, o que implicaría tamén prohibir o acceso a Trece”.