Un equipo de 50 socorristas despregarase desde o luns polos seis areais coruñeses que locen un ano máis o distintivo azul
Con motivo da apertura oficial do período estival de praias, o concello comezará a instalar este luns os sistemas de control de capacidade das praias coruñesas que permitirán coñecer en tempo real a ocupación de todo o litoral.
Esta medida forma parte do novo plan de seguridade e continxencia que o concello activará esta semana para evitar aglomeracións nos areais e asegurar que as e os bañistas cumpren as medidas de seguridade e distancia social impostas por mor da COVID-19.
A climatoloxía dificultou as tarefas de colocación de todo o dispositivo xa que leva conexións á rede eléctrica, pero o concello confía en que estea listo para cando as condicións climatolóxicas permitan achegarse aos arenais.
O sistema consiste nuns arcos de gran amplitude que levan incorporados uns sensores de paso que contabilizan ás persoas que entran e saen dos areais e que están conectados a un semáforo que sinaliza en tempo real a capacidade de cada praia: a cor verde indica que hai espazo suficiente, ámbar, que a capacidade comeza a completarse, e vermello que a capacidade está completa.
Estes sensores teñen rexistrado a capacidade real de cada praia ao longo do día dependendo das mareas. Deste xeito pódese corrixir de maneira automática a capacidade das mesmas, obtendo datos en tempo real. Instalaranse 14 puntos de control de accesos: 4 na praia de Riazor, 4 no Orzán, 2 en Matadoiro, 1 en As Lapas, 2 en Santo Amaro e 1 na praia de Oza. Estes sistemas permitirán coñecer en tempo real e con exactitude cantas persoas hai nas praias. Ademais, o concello informará en tempo real da capacidade das praias mediante uns paneis situados en distintos puntos da cidade e dunha web de Medio Ambiente que se poderá consultar desde o móbil a través dun enlace sinxelo o incluso código QR.
Como medida complementaria, o concello ten previsto poñer en marcha un servizo de “Guías informativos” para axudar durante os primeiros días ás persoas usuarias a entender o sistema de acceso.
O novo protocolo, elaborado polas concellerías de Medio Ambiente e Seguridade Cidadá, establece que un dispositivo de entre 70 e 80 axentes da Policía Local vixiará durante todo o verán o aforo das praias a través dun sistema de cámaras instaladas ao longo do litoral coruñés para evitar que se produzan aglomeracións e poder detectar calquera incidencia que se produza nos areais ou na súa contorna. O sistema non poderá estar operativo este luns xa que o concello agarda a autorización da Delegación do Goberno.
Así, o 092 coordinará todo o operativo desde o Centro de Mando que se instalou na Coiraza do Orzán. Este centro permanecerá aberto todo o verán, con labores non só de coordinación e vixilancia senón tamén de información e seguimento a través dun dispositivo de megafonía. Toda a información sobre as normas nos areais, así como posibles mensaxes de emerxencia, facilitarase en tres idiomas (galego, castelán e inglés). A megafonía tamén servirá para lembrar o peche de praias se hai mareas vivas.
En canto á limpeza, nos areais levaranse a cabo labores de limpeza e desinfección das instalacións todos os días nas zonas comúns de aseos, accesos e pasarelas. Os areais disporán de carteis que informarán da obriga de manter a distancia social e de cumprir as normas de hixiene e de capacidade da praia. Desde Medio Ambiente recoméndanlles ás persoas usuarias que se duchen antes de ir á praia, extremen as medidas de hixiene individuais, obedezan as indicacións do persoal de control de accesos e do servizo de salvamento e socorrismo, e que se leven consigo a súa bolsa de lixo cando abandonen o areal.
E, como novidade, o concello pediralle ás persoas usuarias que non fumen nas praias, que serán espazos sen fume. Para iso, instalaranse cinceiros de pé nos accesos de cada unha das praias e repartiranse cinceiros de man.