Saturday 16 de November de 2024

Unha Delegación do Goberno do Estado Mexicano de Colima interésase polo desenvolvemento turístico de Galicia


Nava Castro presentou nesta xornada unha ponencia sobre o Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou o destino Galicia mais as potencialidades do Camiño de Santiago na xornada sobre ‘Turismo e tecnoloxía’ dirixida a unha delegación do estado mexicano de Colima interesados en coñecer o desenvolvemento turístico da nosa comunidade.

A misión gobernamental mexicana forma parte do Proxecto de Reforzo á Competitividade, Colima Natural e está integrada por sete persoas, lideradas por Raúl Alberto Rodríguez Alvarado.

Destino de contrastes
No seu relatorio, Nava Castro referiuse a Galicia como un destino de contrastes, salientado a súa riqueza cultural e patrimonial e enumerando os bens patrimonio cultural da humanidade da Comunidade galega.

Por outra parte, no eido da natureza, a directora de Turismo de Galicia fixo un repaso polos recursos cos que conta Galicia, centrándose no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, os Parques Naturais do territorio, as Reservas da Biosfera así como outras zonas con protección ambiental.

Na súa intervención para definir o destino turístico Galicia, Nava Castro subliñou a importante presenza da auga, tanto no litoral como no interior, deténdose especialmente na riqueza termal da Comunidade galega. Ademais, como fortes do turismo de Galicia a directora de Turismo de Galicia citou a gastronomía e a enoloxía.

Camiño de Santiago
O relatorio de Castro á delegación gobernamental do Estado de Colima centrouse no Camiño de Santiago, do que salientou que se ten convertido “nunha meta de peregrinación para cidadáns de todas as procedencias”, cunha pegada “recoñecible en infinidade de testemuñas públicas e privadas”.

Na súa intervención, Nava Castro lembroulles aos membros do ‘Proxecto Colima Natural’ as distincións do Camiño como primeiro Itinerario Cultural Europeo, Ben Patrimonio da Humanidade ou Embaixador Honorario da Marca España, e fixo un repaso polas distintas rutas xacobeas que rematan en Compostela.

Ademais, Nava Castro explicoulles aos visitantes as infraestruturas de apoio aos peregrinos coas que conta o Camiño de Santiago, así como as distintas posibilidades que ten o visitante para gozar desta ruta de peregrinación, ademais dos ritos e celebracións vencellados ao Camiño e a Santiago, salientando o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco a Compostela

Smart Turismo
Nesta xornada, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, aproveitou para explicar á delegación do Estado de Colima o Plan Smart Turismo para impulsar a modernización e a competitividade do sector a través das TIC.

Mar Pereira lembrou que este Plan conta cun investimento de 10 millóns de euros ata 2020, para poder desenvolver catro eixos prioritarios: modernizar as infraestruturas tecnolóxicas do turismo de Galicia; aproveitar as tecnoloxías para a promoción, a comercialización e a fidelización dos viaxeiros; fomentar a innovación no sector; e potenciar o camiño de Santiago.

A directora da Amtega adiantou que en 2015 entrará en funcionamento un dos elementos chave deste Plan, a plataforma tecnolóxica única á disposición de todos os axentes turísticos de Galicia para optimizar os procesos de xestión, de información e de inspección.

A misión gobernamental mexicana aproveitou a súa estadía en Galicia para coñecer as instalacións do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) así como para visitar outros enclaves galegos como o territorio que conforma a mancomunidade de Arousa Norte onde tiveron a ocasión de coñecer os principais recursos turísticos da zona e a presentación dos produtos turísticos da comarca.