Friday 22 de November de 2024

Concello de Vimianzo ultima os traballos que non se puideron realizar durante a pandemia


As intervencións consisten no pintado e repintado de sinalización no chan de todas as rúas do municipio ou a eliminación de barreiras arquitectónicas para facer Vimianzo máis accesible.

O Concello de Vimianzo está a ultimar os traballos en materia de obras que non se puideron concretar durante a pandemia provocada pola covid-19. Entre estas accións, destacan o pintado e repintado da sinalización no chan de todas as rúas do municipio, a eliminación das barreiras arquitectónicas, que garantirán a accesibilidade ás persoas con mobilidade reducida.

O goberno local dalle novamente prioridade así a pequenas intervencións en todos os núcleos rurais e urbanos que tiveron que pararse debido á necesidade de optimizar os recursos para a loita contra o coronavirus, aínda que ‘xa eran obras que estabamos planificando e que eran moi demandadas pola veciñanza’, destaca a alcaldesa, Mónica Rodríguez.

Entre este compendio, as máis destacables son o arranxo do peche do parque infantil, a sinalización no acceso ao campo de fútbol, na subida a Reboredo, Casais e ao Agro de Trasariz e tamén á limpeza en Treos. Ademais, contemplouse a actuación na rede de sumidoiros en Cabana e Carantoña, así como pequenas intervencións en Castro, na parroquia de Salto.

O concelleiro de Obras do Concello de Vimianzo, Miguel Ángel Pérez, sinalou o ‘bo ritmo adquirido de moitas pequenas intervencións, que aínda que parezan nimiedades, no seu conxunto representan obras moi importantes para todo Vimianzo’, destacou o edil.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, enfatizou o ‘gran traballo desde o departamento de Obras. A verdade é que tivemos moita sorte coa gran disposición dos nosos traballadores, e agora que a situación está comezando a normalizarse, é o momento de dar un novo pulo a estas accións, que mellorarán sen dúbida todos os núcleos do noso municipio, tanto os urbanos como os rurais’, finaliza a alcaldesa.