Friday 22 de November de 2024

A Xunta adxudica a redacción dos proxectos para rehabilitar seis inmobles adquiridos polo IGVS no Conxunto Histórico de Betanzos


O organismo público vén de contratar estes traballos, nos que se inclúe tamén a dirección das obras, por un importe total de máis de 107.000 euros

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), vén de adxudicar os contratos de redacción dos proxectos de rehabilitación de seis edificios emprazados no conxunto histórico do Concello de Betanzos.
Un dos contratos, adxudicado a Fraga y Mantiñan Arquitectos, S.L.P. por un importe de 55.373,35 euros, inclúe a redacción dos proxectos e a dirección da obra de rehabilitación dos inmobles emprazados nas rúas Pinche 9, Alfolí 6 e Alfolí 34. O prazo para a redacción será de tres meses.
O outro corresponde á redacción dos proxectos e á dirección da obra de rehabilitación dos inmobles emprazados nas rúas Cerca 43, Segunda Venela dos Clérigos 4 e Segunda Venela dos Clérigos 10, e foi adxudicado por 52.313,14 euros a Iglesias Veiga, Arquitectos, S.L.P., que terá tres meses para completar a redacción dos proxectos.
Cómpre lembrar que no conxunto histórico de Betanzos, o IGVS xa rematou as obras de rehabilitación de cinco inmobles, nos que se obtiveron oito vivendas, cun investimento de preto de 1,4 millóns de euros. Actualmente están en execución as obras de recuperación doutros seis edificios, nos que se se prevé obter outras oito vivendas, cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros.