Friday 22 de November de 2024

O concello inicia as obras de mellora no cruzamento de Juan Castro Mosquera e Sinforiano López


Desde a Área de Infraestruturas e Mobilidade aseguran que optimizarán esta confluencia na que o tránsito peonil resulta perigoso por mor da dobre fila e dos estacionamentos indebidos

A Área de Infraestruturas e Mobilidade arrinca as obras de mellora na accesibilidade e visibilidade do cruzamento das rúas Juan Castro Mosquera e Sinforiano López, co fin de optimizar esta confluencia na que o tránsito peonil resulta perigoso por mor da dobre fila e dos estacionamentos indebidos.

Desde Infraestruturas aseguran que nesta intervención se executarán novas beirarrúas, que reducirán o espazo da calzada ao mínimo imprescindible e que se instalarán árbores e mobiliario urbano.

A alcaldesa, Inés Rey, sinala que “o Goberno local escoita a veciñanza e proba disto son os investimentos en infraestruturas e a mellora da mobilidade en moitos barrios da cidade, que veñen motivados por peticións veciñais”.
A Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade xa realizou intervencións deste tipo en diferentes barrios da cidade, como a mellora na accesibilidade e o aumento do espazo peonil no cruzamento da avenida da Gramela coa rúa Andrés Gaos, ou a recente intervención na estrada de Eirís.