O consistorio si permite facer cacharelas en propiedades privadas extremando as medidas de precaución e con comunicación previa antes do día 22
O Concello de Fene comunicou hoxe a través dun bando da Alcaldía a prohibición de facer cacharelas do San Xoán nas praias e en solo e espazos públicos de titulariedade municipal. O consistorio adoptou a medida para evitar as aglomeracións de persoas, reducindo deste xeito as posibilidades de contaxio do coronavirus. No mesmo bando indícase, porén, que si se autorizarán as luminarias tradicionais que se organicen en terreos particulares. Nese caso deberán respectarse as condicións de hixiene e distanciamento social, as precaucións habituais para evitar incendios ou accidentes e, ademais, tamén se recorda a obriga de facer a correspondente comunicación previa antes das 14.00h. do día 22 de xuño.
A prohibición atinxe a lumes, sardiñadas ou barbacoas en “solo público municipal, espazos de titulariedade municipal e praias durante a noite do 23 de xuño ao 24 de xuño”, unha data na que o territorio se enchería de grandes e pequenas fogueiras que agora deberán quedar restrinxidas ao ámbito privado. Así o indica o bando da Alcaldía publicado esta mañá, onde se engade que as luminarias “en terreos particulares” deberán respectar todo o recollido no plan estatal para a transición cara a unha nova normalidade, ademais das medidas relativas á seguridade cando se anda con lume.
Así, as saltas privadas estarán circunscritas ás parcelas situadas en solo urbano ou en solo de núcleo rural. O bando é tallante indicando que queda prohibido “realizar lume en solo rústico con calquera uso, así como en zonas próximas a terreos destas características que sexan susceptibles de causar un lume incontrolado”. As cacharelas han de gardar unha distancia mínima de 50 metros con respecto a masas forestais ou matogueiras.
Entre as precaucións que se deben tomar están todas aquelas que nos di o sentido común: facer unha devasa de polo menos cinco metros de longo arredor de onde se asente a pira, non amorear grandes cantidades de combustible -máximo 2 metros de alto e 3 de diámetro-, non queimar obxectos que poidan desprender gases ou fume tóxico, non usar líquidos inflamables que poidan producir deflagracións instantáneas, gardar as distancias con respecto a instalacións e vehículos nos que poida saltar o lume (mínimo 15 metros), ter á man medios de extinción, apagar a cacharela se se levanta vento intenso -ou non prendela se xa zoa durante o día- e asegurarse de que non quedan brasas acesas cando se dea por finalizada a noite do San Xoán.
Ademais de todo isto, para organizar unha luminaria privada será preceptiva unha comunicación previa ao Concello, que se ha de presentar antes das dúas da tarde do 22 de xuño a través da Sede Electrónica ou ben de maneira presencial, aínda que nese caso será obrigatorio solicitar cita previa a través dos teléfonos 981 061 034 ou 671 508 166, no correo citaprevia@fene.gal ou entrando no sitio https://sede.fene.gal/opencms/gl/cita/
O modelo de comunicación previa e o bando coas normas poden descargarse desde a web fene.gal