Friday 22 de November de 2024

A Consellería de Cultura e Educación mantén un orzamento de 1,3 millóns de euros para as axudas complementarias do programa eErasmus+


As bolsas manteñen unha duración máxima de 9 meses,4 máis ca o máximo establecido polo Ministerio e polo Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén este ano o orzamento de 1.300.000 euros xa consignado o pasado curso para a convocatoria de axudas de mobilidade complementarias ás concedidas polo Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos (OAPEE) e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, no marco do programa comunitario Erasmus+, para estudantes universitarios que participan nesta acción no curso 2014/2015.

Como novidade, este ano increméntase a contía mensual para os estudantes que realicen o programa de mobilidade nos países con maiores costos de vida o que, segundo as primeiras estimacións de posibles bolseiros, suporía un incremento da achega mensual para o 77,2% dos beneficiarios. Cómpre salientar, así mesmo, que un ano máis o departamento educativo da Xunta de Galicia establece en 9 meses a duración máxima da axuda, o que supón 4 meses máis do tope máximo de cinco mensualidades establecido polo Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos (OAPEE) e polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Deste xeito, Galicia volve a situarse entre as Comunidades Autónomas que máis apoio prestan á mobilidade internacional do alumnado universitario.

Grupos de países
As contías mensuais oscilarán entre os 80 euros – contía que recibiron o ano pasado ao mes todos os que percibiron a axuda- e os 150 euros mensuais, en función do país no que se cursen os estudos. Así, os estudantes que realicen o Erasmus + en Dinamarca, Irlanda, Francia, Italia, Austria, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein, Noruega ou Suíza recibirán 150 euros aos mes; mentres que os que o desenvolvan en Bélxica, República Checa, Alemaña, Grecia, Croacia, Chipre, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Eslovenia, Islandia ou Turquía terán unha axuda de 120 euros mensuais. A bolsa será de 80 euros ao mes para as alumnas e alumnos que cursen o programa de mobilidade en Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Romanía, Eslovaquia ou na Antiga República Iugoslava de Macedonia.

O prazo de presentación de solicitudes para a obtención destas bolsas, dirixidas a persoas matriculadas en estudos universitarios oficiais conducentes aos títulos de graduado, licenciado, arquitecto, enxeñeiro, diplomado, mestre, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico; estará aberto ata o vindeiro 2 de febreiro. Os requisitos da convocatoria poden consultarse no Diario Oficial de Galicia, no enlace web: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150102/AnuncioG0164-111214-0001_gl.html .

Estas accións son compatibles coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral e de mobilidade para estudantes universitarios convocadas polo Ministerio de Educación e coas axudas que para este fin destina a Unión Europea, no marco do Programa de aprendizaxe permanente. Como accións complementarias que son, cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter estatal e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do Ministerio.

No curso 2013/2014 beneficiáronse desta axuda un total de 1.289 estudantes participantes no programa Erasmus e matriculados nalgunha das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) ou nos centros asociados da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Galicia.