A instrución aparece publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP)
O concello acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) unha instrución para regular o uso dos vehículos de mobilidade persoal nas rúas da cidade. A finalidade é favorecer a seguridade viaria e garantir que o uso destes vehículos se realice dunha forma regulada e segura, facéndoa compatible cos diferentes usos da vía pública, especialmente no ámbito das beirarrúas e zonas peonís. Desde hoxe, a Policía Local vixiará que se cumpran as normas no relativo á circulación destes patinetes eléctricos.
O edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, explicou que O Goberno local considerou conveniente aprobar esta instrución ante a aparición de novos medios de mobilidade e transporte no ámbito urbano e que se está á espera de que o Goberno aprobe unha normativa de carácter xeral.
A alcaldesa, Inés Rey, lembrou hoxe que “isto non é unha actuación única senón que entra dentro das medidas de mellora de mobilidade da cidade, para recuperar o espazo publico para a veciñanza”.
Quedan excluídos desta regulación, como xa sinalaba a Resolución aprobada o 2 de xuño, os vehículos destinados a ser utilizados por persoas con mobilidade reducida, os ciclos de máis de dúas rodas con ou sen motor, e aqueles incluídos dentro do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) núm. 168/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xaneiro de 2013, relativo á homologación dos vehículos de dous ou tres rodas e os cuadriciclos, e á vixilancia do mercado dos
devanditos vehículos.
A nova normativa prohíbelles aos Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP) circular pola beirarrúa e obrígaos a circular por vías cuxa velocidade máxima permitida non supere os 30 km/h, polo carril bici e polas sendas ciclables.
A normativa municipal autoriza as persoas propietarias dos VMP a circular polos carrís bici, no sentido sinalizado e sen superar a velocidade máxima de 20 km/h.
Tamén a circular por zonas declaradas como “Zona 30”, “Zona 20” e “Zona 10”, así como nas vías cun único carril de circulación cuxa velocidade máxima permitida estea limitada a 30 km/h, sempre que nelas non exista vía ciclista e a circulación se produza polo centro da calzada. Excepcionalmente, en ausencia de zonas habilitadas para a circulación de VMP, poderán circular naquelas vías de único sentido e dun só carril de circulación a unha velocidade máxima de 25 km/h. Non se autoriza a circulación de VMP pola calzada do resto de vías.
A velocidade máxima á que poderán circular é de 25 km/h. Deberán axustar a súa velocidade á velocidade máxima permitida na vía pola que circulen. En todas elas, terán que respectar a sinalización xeral e a normativa sobre tráfico, circulación e seguridade viaria, sempre dándolles preferencia ás peoas e aos peóns.
Nos itinerarios ciclistas sinalizados como tales en zonas de prioridade peonil (coexistencia), os VMP poderán circular sempre que se cumpran as seguintes condicións:
– Respectar a sinalización existente.
– Respectar a prioridade de paso de persoas viandantes.
– A velocidade máxima será de 10 km/h e adecuarase, en todo caso, á maior ou menor presenza de peóns e peoas.
– Deberán manter unha distancia de seguridade dun metro ao pasar ou cruzarse cun peón ou cunha peoa.
– Cando non poida deixar unha distancia de polo menos un metro, a persoa condutora ten a obriga de descender do vehículo e continuar andando.
– Deberán manter unha distancia de polo menos 1,8 metros á fachada dos edificios e respectar así o itinerario peonil accesible.
– Non realizar manobras, neglixentes ou temerarias, que poidan afectar á seguridade das persoas viandantes ou outras.
O concello poderá prohibir a circulación dos VMP en calquera espazo urbano que, por razóns de interese público, así se determine por resolución municipal da concellería competente na materia.
A idade mínima permitida para circular cun VMP polas vías e espazos públicos é de 15 anos (de maneira excepcional permitiráselles circular ás persoas menores de 15 anos por vías ciclistas acompañadas dunha persoa adulta e que usen un VMP adecuado a súa idade, altura e peso). En todo caso, as e os menores deberán circular sempre con casco protector.
Non se poderá transitar baixo os efectos do alcol e das drogas. A persoa condutora do VMP estará obrigada a someterse ás probas legalmente establecidas, conforme á normativa vixente. Os/as condutores/as tampouco poderán circular utilizando auriculares con aparellos reprodutores de son, nin teléfono móbil. As persoas usuarias deberán levar pezas reflectoras cando circulen pola noite ou en condicións de baixa visibilidade. Circularase respectando a preferencia de paso das peoas e dos peóns e só está permitido o uso unipersoal do vehículo.
Canto á documentación, as usuarias e os usuarios deberán levar consigo a documentación técnica do vehículo. Os patinetes privados non comerciais poderán estacionarse en espazos destinados ás bicicletas. Prohíbese o seu estacionamento en beirarrúas e zona peonís e non poden suxeitarse a mobiliario urbano ou árbores.