Monday 25 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño adapta o programa de conciliación “Aldea de Verán” á nova normalidade


Haberá tres quendas desde mediados de xullo até finais de agosto cunha oferta de entre 18 e 20 prazas por quincena

 

A área de Igualdade do Concello de San Sadurniño reeditará nos meses de xullo e agosto o programa de conciliación “Aldea de Verán”, que abrirá o prazo de preinscrición o próximo martes 16 de xuño. Porén, os campamentos infantís veranse modificados en varios aspectos co obxectivo de garantir a seguridade da rapazada, do persoal e das familias, pero tamén en canto a duración, estruturación e prioridades de acceso. Así, a “Aldea de Verán” desenvolverase entre o 20 de xullo e o 31 de agosto en tres quendas de dúas semanas cada unha. Para cada quenda admitiranse entre 18 e 20 crianzas que, á súa vez se dividirán en tres grupos de idades. De novo terán preferencia as familias de San Sadurniño, aínda que na primeira asignación de prazas será obrigatorio que ambos proxenitores estean traballando ou formándose para o emprego. Se quedasen vacantes daríaselle acceso a familias nas que só o pai ou a nai estea traballando. Ademais será obrigatorio que haxa polo menos 7 nenas ou nenos inscritos en cada unha das quincenas e que 5 sexan de San Sadurniño.

O programa de conciliación vai dirixido a familias con rapazada de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, é dicir, que no curso 2019/20 estivesen cursando o 2º ciclo de Educación Infantil ou Educación Primaria.

Con carácter xeral daráselle prioridade a familias monoparentais e a aquelas nas que tanto a nai como o pai estean traballando ou participando en formación para o emprego, algo que se deberá acreditar xa no momento de facer a preinscrición. A partir de aí márcanse outras condicións que garantirán preferencia no acceso ás prazas dispoñibles, segundo a orde de entrada das solicitudes no rexistro municipal:

Que a unidade familiar -nai ou pai- estea empadroada en San Sadurniño
Familias con algún membro -avoa ou avó- empadroado no concello
Familias en que algún proxenitor teña vinculación laboral co municipio
Familias empadroadas noutros concellos pero que teñan as crianzas matriculadas no CPI de San Sadurniño
Se quedasen prazas dispoñibles poderían acceder a elas familias nas que só estea traballando ou formándose un dos proxenitores e, en calquera caso, adxudicaríanse seguindo as mesmas condicións de prioridade: ser de San Sadurniño, avoas ou avós de aquí e vinculación laboral ou rapazada matriculada no centro escolar local. En todo caso reservaranse 3 prazas para circunstancias de emerxencia social ou derivacións dos Servizos Sociais.

A aldea estará estruturada este ano en tres quincenas, unha do 20 ao 31 de xullo, outra do 3 ao 14 de agosto e, a última, entre o 17 e o 31 de agosto. Desenvolverase entre as 9 e as 14.00h. de luns a venres e coa cativería repartida nun máximo de tres grupos de idades. As entradas e saídas organizaranse cunha marxe de 30 minutos para adaptarse ás necesidades de conciliación e tamén para garantir o distanciamento social entre as familias.

Iso si, para levar adiante cada unha das quincenas -para as que se ofertan entre 18 e 20 prazas-, será necesario que se reciban un mínimo de 7 solicitudes, das que polo menos 5 han de ser de familias empadroadas en San Sadurniño.

Desde o departamento de Igualdade insístese en que a posta en marcha da “Aldea de Verán” está suxeita a que a administración autonómica aprobe un protocolo de seguridade para o desenvolvemento deste tipo de actividades, así como á autorización das autoridades sanitarias. De poder realizarse, serán de aplicación os protocolos hixiénicos-sanitarios que se definan para este tipo de programas.

Custe e prazo de solicitude
O prezo do programa terá os seguintes importes por quincena:

1º Membro da unidade familiar
40 €
2º Membro da unidade familiar
25 €
3º Membro da unidade familiar
12 €

As familias deberán tramitar a preinscrición e a folla de declaración responsable da COVID-19 preferentemente por vía telemática a través da Sede Electrónica municipal ou presencialmente -solicitando cita previa no teléfono 981 490 027-, entre as 8.30 e as 14.30h. de luns a venres Hai dous prazos:

Do 16 ao 23 de xuño, ambos incluídos, para as preinscrición nas quendas dos meses de xullo e agosto. (O listado de admisións publicarase o 26 de xuño).
Do 1 de xullo ao 8 de xullo, ambos incluídos, para as preinscricións nas quincenas de agosto. (As admisións faranse públicas o 10 de xullo).
As cotas de participación deberán pagarse na conta do Concello unha vez que se confirme a obtención de praza. Os xustificantes de pago deberán ser individuais -aínda que haxa dous ou máis irmáns matriculados- e no concepto haberá que indicar “Aldea de Verán 2020” xunto co nome da nena ou neno participante e a quenda na que se vaia facer a matrícula.

Despois de efectuar o pagamento poderán presentarse os papeis de matriculación que terán que rexistrarse -tamén pola Sede Electrónica ou presencialmente con cita previa- entre o 2 e o 9 de xullo no caso das quendas de xullo e entre o 16 e o 23 de xullo para as quendas de agosto.

A “Aldea de Verán 2020” está cofinanciada pola Deputación da Coruña con cargo aos fondos extraordinarios liberados para paliar os efectos da crise sanitaria. O Concello iniciou xa os trámites de contratación do servizo de monitoraxe, quen deberá aplicar de forma exhaustiva todos os protocolos hixiénicos e sanitarios en vigor e tamén aqueles que achegue a Xunta de Galicia para o desenvolvemento deste tipo de actividades.