Friday 22 de November de 2024

A Xunta adxudica por preto de 350.000 euros a restauración da Igrexa de San Francisco de Betanzos


A actuación prevista neste Ben de Interese Cultural de Galicia ten por obxectivo resolver os danos producidos pola entrada de auga e pola falta de ventilación
A Xunta de Galicia vén de adxudicar, por un importe de preto de 350.000 euros, as obras para restaurar o convento-igrexa de San Francisco de Betanzos, un inmoble declarado Ben de Interese Cultural de Galicia no que é preciso resolver os danos producidos polo paso do tempo.
Estas actuacións, que foron adxudicadas á empresa Obras Gallaecia S.L. contan cun prazo previsto de execución de catro meses e consisten na impermeabilización dos encontros e puntos singulares con chumbo, na substitución da cuberta por unha composta por pranchas de fibrocemento sen amianto e tella cerámica curva e na disposición dun novo deseño de trazado da rede de evacuación de pluviais. Ademais, sanearase o conxunto dos lenzos de cantaría, repasaranse os rexuntados, colocaranse novas pezas na cornixa e limparase a vexetación.
O obxectivo da intervención impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo é resolver os danos producidos pola entrada da auga en varios puntos da cuberta e pola falta de ventilación dos pes dos muros. Ademais, o proxecto tamén recolle a restitución dos cristais rotos ou inexistentes das vidreiras e o repaso xeral do seu selado, revisión do sistema de drenaxe e análise das pezas de madeira lesionadas do soporte da cuberta co obxecto de establecer unhas pautas de actuación rigorosas sobre o resto do sistema.
O convento-igrexa de San Francisco de Betanzos é un edificio histórico e un dos mellores exemplos do gótico mendicante franciscano da península, destacando na súa tipoloxía o seu papel funerario. Foi fundado en en 1385 pola orde franciscanos, e máis adiante, converteuse no panteón da súa estirpe. Este edificio está considerado como Ben de Interese Cultural a protexer por formar parte do patrimonio de todos os galegos.