A remodelación dos Cantóns, entre A Mariña e a rúa Juana de Vega, permitirá recuperar máis de 11.000 metros cadrados para o uso da cidadanía e “coser” a relación entre os xardíns e a cidade
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada do concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, presentou esta mañá en María Pita o proxecto de remodelación dos Cantóns, entre a avenida da Mariña e a rúa Juana de Vega. Unha transformación que permitirá recuperar máis de 11.000 metros cadrados para o uso da cidadanía e que vén acompañada de peonalizacións para crear espazos públicos de calidade que lle garantan a accesibilidade a todo o mundo.
A alcaldesa sinalou que o concello dá un paso máis no reto de construír unha cidade amable e sostible, “cun plan para recuperar o espazo público e devolvérllelo ás peoas e aos peóns e que supón a primeira pedra do futuro urbanismo da cidade”.
No caso concreto dos Cantóns, a remodelación está motivada polo desequilibrio na repartición de solo que existe nesta zona, onde na actualidade hai menos vehículos pero máis persoas. A finalidade do proxecto é adaptar o espazo dos Cantóns á realidade da mobilidade actual, gañar espazos para o uso cidadán e reducir a circulación rodada a dous carrís, un por sentido.
O estudo presentado hoxe, redactado polos arquitectos Carmen Calatayud e Xosé Manuel Vázquez Mosquera, responde ao compromiso recollido no programa co que a alcaldesa se presentou ás eleccións de maio de 2019. “Apostabamos pola creación de espazos onde a cidadanía poida desenvolver a súa vida con seguridade, igualdade de oportunidades e calidade de vida, e faciamos unha mención especial á reordenación e semipeonalización dos Cantóns”, lembrou.
A intención do Goberno local é a de construír unha cidade sostible, fiel á Axenda 2030. “Queremos que a veciñanza se sinta orgullosa desta actuación e desexe, coma nós, levar esta forma de entender a cidade aos seus barrios”, dixo ao tempo que apuntou que aínda que a remodelación empeza polos Cantóns, “o obxectivo é levar esta acción a todos os barrios para que en todos gocemos de espazos de convivencia como se fosen o mesmo centro da cidade”.
Rey reiterou que a finalidade é humanizar o centro urbano e recuperar para as persoas viandantes o espazo que o coche lles foi quitando: “as persoas son as protagonistas dos nosos plans para transformar a cidade”.
Destacou que a mobilidade impulsada polo concello busca crear espazos públicos de calidade, coidar o medio, garantir a saúde da veciñanza (coa redución do ruído e das emisións de CO2) e potenciar máis o uso do transporte público (aquí necesitamos complicidade da Xunta para mellorar as conexións coa rede de transporte metropolitano) da bicicleta e dos vehículos de mobilidade persoal.
Inés Rey ten claro que as cidades son as que deben liderar o cambio na mobilidade sempre desde o consenso social, pero conscientes de que o cambio é imparable. Un cambio que o Goberno local comezara a poñer en marcha antes da crise sanitaria e que a situación actual permitirá levar a cabo con máis forza: crear máis espazos públicos para a veciñanza, recuperar o uso da bicicleta e potenciar o transporte público e os VMP. “Esta pandemia demostrounos a todas e todos o que moitos xa sabiamos: hai outra forma de mobilidade, unha mobilidade sostible pola que imos seguir apostando, agora con máis forza”, rematou.
Doutra banda, o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, quixo agradecerlles aos servizos técnicos o seu labor e a súa participación nun proxecto que permitirá buscar solucións á mobilidade. Un proxecto que responde a unha planificación que inclúe a modernización da rúa Santo André e o paseo marítimo entre o castelo de San Antón e Durmideiras.
Destacou que o plan “coida a calidade urbana, arquitectónica e recupera parte do pasado da cidade” e sinalou que a intención do Goberno local é de licitar as obras de peonalización da rúa Compostela antes de que finalice o ano e de dispoñer do proxecto (agora estamos na fase de estudos preliminares para avaliar o seu impacto) este ano para poder licitar o resto dos traballos en 2021 e rematar toda a remodelación neste mandato.
O proxecto contempla a redución da calzada de vehículos a un carril por sentido desde A Mariña ata a praza de Mina. Así, a circulación pola calzada nos Cantóns e A Mariña quedará restrinxida ao transporte público, bicicletas, residentes, carga e descarga e de servizos. Formarase un anel de circulación ao redor do edificio de Correos para permitir o cambio de sentido. A carón da calzada colocaranse baías para as paradas de taxis e as reservas de carga-descarga mentres que a parada de transporte metropolitano trasládase á rúa Alcalde Manuel Casás á espera dos cambios que nesa rede suporá a entrada en
funcionamento da Estación Intermodal.
Peonalízanse a rúa Compostela, rúa Nova, Entrexardíns e o treito final de Santa Catalina (a circulación da rúa Durán Loriga cambia de sentido e quedará derivada cara á rúa Santo André) coa finalidade de conectar, integrar e estender a actividade dos Cantóns, A Mariña e os xardíns ás rúas veciñas. Modifícanse os pasos de peóns que cruzan os Cantóns e A Mariña, e crearanse outros novos. O protagonismo que teñen os espazos peonís dos Cantóns compleméntase con numerosas zonas de descanso. Serán espazos diferentes e singulares con ámbitos de estancia a carón dos equipamentos culturais existentes na zona.
O aparcadoiro subterráneo terá unha entrada accesible con ascensores na beirarrúa dos xardíns na parte máis achegada a Entrexardíns. Corrixiranse ramplas e escaleiras para que acaden unha relación máis acorde co espazo público. Así, desaparece a rampla de saída de vehículos da praza da Aduana e a de entrada no Cantón Grande.
Canto ao aumento das zonas de descanso e de uso para a cidadanía, no Cantón Pequeno amplíanse os espazos peonís en máis de 2.100 m2 e no Cantón Grande en preto de 3.000 m2. As peonalizacións de Entrexardíns, Santa Catalina e rúa Nova supoñen un total de 2.600 m2. E na rúa Compostela gáñanse 1.500 m2 de espazo peonil, os mesmos que se recuperan na Mariña e na praza da Aduana. En total preto de 11.000 m2 novos para que os use a cidadanía.
OUTROS ESPAZOS NA INTERVENCIÓN
-A rúa Compostela tamén será peonil, como continuidade natural dos Cantóns.
-Na praza de Mina reordénase a circulación de vehículos.
-O Cantón Pequeno contará con estancias de descanso, na liña de favorecer o encontro cos Xardíns de Méndez Núñez.
-A peonalización de Entrexardíns permite unir as dúas áreas principais dos Xardíns de Méndez Núñez.
-No Cantón Grande poténciase a súa natureza de punto de encontro do conxunto da cidade e dótase de infraestruturas que faciliten as reunións. Recuperarase a peza do Obelisco, como foco e referencia do que acontece nesta parte dos Cantóns.
-Na avenida da Mariña amplíase a superficie peonil atendendo á actividade do Teatro Colón, cuxa entrada serve para organizar a contorna.
-Recupérase a antiga praza da Aduana (Subdelegación do Goberno), cuxo espazo se delimitará co mobiliario urbano. A rúa Alcalde Manuel Casás abórdase como continuación da praza nos percorridos cara ao bordo portuario.