O proxecto non estivo parado durante o estado de alarma, e con este segundo ingreso destinado á Asociación Mirabal, xa van 1135 euros.
O proxecto das ‘Zoquiñas vermellas’ non para, e xa está listo o segundo ingreso bancario desta iniciativa á Asociación Mirabal, desde onde axudan ás vítimas de violencia de xénero no rural galego. En total, son 1135 euros.
Desde a organización quérese amosar un especial agradecemento ‘a todas as persoas que teñen colaborado con esta acción. Parece que un graíño de area non é moito, pero estamos a facer entre todas e todos unha praia enorme’, apuntan. O agradecemento esténdese tamén a toda a olaría de Buño, xa que foi un dos motores que axudou a mover as ‘Zoquiñas Vermellas’.
Onte tivo lugar o segundo ingreso bancario a favor da loita contra a violencia de xénero, promovida pola Asociación Visibles, a Olaría de Buño e a concellería de Igualdade do Concello de Malpica. Todos estes entes cun eixo común, “contribuír de todos os xeitos posibles na loita contra as violencias machistas”.
Volta á venta
Coa flexibilización das restricións debido á alerta sanitaria provocada pola COVID-19, as zoquiñas volven a estar dispoñibles nos puntos habituais, a destacar as farmacias de Buño e Malpica, as tendas de olaría e locais adscritos a esta iniciativa.