O executivo miñense anuncia medidas ‘de aforo e hixiénicas para evitar contagios’.
O Concello de Miño prepara as festas de San Pedro adecuando a súa organización ao contexto sociosanitario da COVID-19. O executivo miñense anuncia medidas de ‘aforo e hixiénicas para evitar contagios’.
Ademais, na medida do posible, ‘priorizaranse os concertos ‘sentado e ao aire libre, gardando as distancias’, apuntan.
Esta idea nace co obxectivo de homenaxear a todos os miñenses tras os duros momentos do
confinamento, con todo o respecto e todo o agarimo por aquela xente que o pasou mal. ‘A vida segue e
temos que continuar coa normalidade tan ansiada’, apuntan desde o consistorio. Coa celebración das
festas de San Pedro 2020, búscase reactivar a actividade tanto de hostalería como de músicos locais.
Deseñáronse, por tanto, unhas festas distintas pero que sen dúbida se lembrarán sempre por ser a
conmemoración de todos os heroes que loitaron co coronavirus. Ademais da loita encarnada por sanitarios, profesionais do transporte, farmacéuticos, panadeiras, estanqueros…tamén saímos
desta situación grazas ao comportamento de toda esa xente que respectou as normas e quedou en casa.
A cita está prevista para a última fin de semana de xuño, xa instaurada a nova normalidade. Haberá un día exclusivamente pensado para os nenos e nenas, ‘para homenaxearlles polo seu excelente comportamento durante o estado de alarma, así como a nai e pais’, apuntan desde o goberno local.
Inauguraranse estas festas, por tanto, con música en movemento. ‘En lugar de que a xente vaia á
música, será a música a que se achegue á xente’, comentan desde o Consistorio. Como apuntabamos
anteriormente, contarase con músicos locais e homenaxearase de maneira especial a Chus Lestayo, artista profesional que non cesou un só día no seu empeño de contribuír e animar desde o seu balcón a toda a xente que se tivo que quedar na casa. Prepararanse micro concertos nas proximidades dos locais de hostalería para fomentar o consumo en todos eles. Tamén haberá unha batucada polas rúas, todo iso previa comunicación dos horarios para que a xente poida programar a súa serán.
Os nenos e nenas serán protagonistas o domingo 28 de xuño, con dous espectáculos. O primeiro, de categoría circense, estará delimitado, así como o segundo, familiar e dedicado tamén para pais e nais que acompañaron aos seus pequenos durante o confinamento. ‘Vimos traballando neste plan sobre un mes, pero sempre apostamos pola precaución debido ao contexto cambiante de toda esta situación’, comentan desde o goberno local. ‘Aínda que non estea decretado por aquel entón o estado de alarma, tomarémonos moi en serio as recomendacións e medidas preventivas. Desinfectaremos todas as zonas utilizadas e controlaremos os accesos’.
Fin de festa
O propio día de San Pedro, o luns 29 de xuño, haberá fogos artificiais desde un punto estratéxico do municipio para que ‘toda a xente que non poida achegarse, por un motivo determinado, aos concertos, se
que poidan ser testemuñas de excepción deste particular fin de festa.
Retomarase unha tradición ausente durante varios anos, que é acabar os festexos cun espectáculo pirotécnico, digno das mellores celebracións, aínda co contexto socio sanitario moi presente.