Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión organiza a próxima semana unha campaña de recollida de alimentos para loitar contra os efectos da COVID-19


O Concello de Brión organiza a próxima semana unha campaña especial de “Brión solidario” para recoller alimentos para loitar contra os efectos da COVID- 19, que terá lugar entre o 15 e o 21 de xuño. As persoas interesadas en participar poderán doar alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene e artigos para bebé no supermercado Froiz de Montebalado.
O alcalde de Brión, José Luís García, aproveita tamén para agradecer “a gran colaboración dos veciños e veciñas de Brión, que durante o confinamento seguiron facendo achegas para o Banco Municipal de Alimentos, así como a todas as persoas que participaron tanto na recollida deses alimentos a domicilio como na súa posterior entrega ás familias que máis o precisan”.
“Brión solidario” é unha iniciativa posta en marcha polos Servizos Sociais de Brión en 2011 como campaña de recollida de alimentos polo Nadal. Posteriormente, esta campaña puntual deu pé á creación dunha rede solidaria, tamén denominada “Brión solidario”, pero que está operativa durante todo o ano.
As persoas que desexan participar nesta Rede só teñen que inscribirse nos Servizos Sociais e deixar un mail de contacto. A este e-mail envíanse de xeito periódico mensaxes sobre as necesidades concretas detectadas, mencionando que artigo se precisa e en que prazo é necesario cubrir esa necesidade. Se un veciño ou veciña dispón dese artigo e desexa doalo, só ten que contactar cos Servizos Sociais para que llo recolla. Desta forma mantense o anonimato entre doador e persoa beneficiaria (que en ningún momento están en contacto) e, ao coordinarse todo dende Servizos Sociais, garántese que a necesidade exposta é real.