Terán lugar no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra de luns a xoves, en horario de 21:00 a 22:00 horas
A Concellería de Deportes do Concello de Lousame retoma as clases de ximnasia de mantemento para adultos, suspendidas o pasado mes de marzo co gallo da declaración do estado de alarma pola pandemia do coronavirus COVID-19. Unhas clases que deron comezo esta mesma semana e que terán lugar de luns a xoves, no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, en horario de 21:00 a 22:00 horas.
Nesta primeira sesión participaron unha ducia de veciños e veciñas de Lousame. As actividades teñen lugar seguindo un estrito protocolo de seguridade no que todas as persoas teñen que desinfectar mans e calzado, manter unha distancia mínima de seguridade de dous metros e traer a esteira da súa casa. Dende o Concello de Lousame animan aos veciños e veciñas a retomar tamén estas actividades, pois poden celebrarse en grupos de ata 16 persoas e, no caso de haber máis demanda, poderíanse formar outros grupos.
Así mesmo, recomendan á veciñanza “a volver a facer actividades e relacionarse con outras persoas mantendo sempre os protocolos de seguridade. É importante saír e volver ás rutinas de sempre, pero con sentidiño”, apunta o concelleiro de Deportes, Jesús Martínez. Máis información e inscricións na Oficina de Deportes do Concello de Lousame (981 82 57 80).