Saturday 16 de November de 2024

As feiras volven a Moeche con estritas medidas preventivas


O recinto de San Ramón acolle este xoves a primeira feira post-confinamento

 

O Concello de Moeche recupera este xoves as feiras do 11 e do 23 cumprindo as medidas de prevención de contaxios decretadas tanto polo Estado como pola Xunta de Galicia. Será un arranque progresivo que prevé na deste 11 de xuño unha menor presenza de postos, xa que se só se autorizou a instalación de 32, todos eles relacionados cos produtos agroalimentarios, que deberán estar separados entre si polo menos catro metros, co persoal debidamente equipado con máscara e luvas e asegurando que a clientela non manipule o xénero. Pola outra banda, a área de Desenvolvemento local sinalizou o recinto coas principais recomendacións e obrigas que deberán cumprir as persoas usuarias e estableceu dous puntos para a hixienización das mans con xel hidroalcólico. Ademais tamén abrirá o bar da nave dos tecidos e asistirá unha polbeira, rexéndose en ambos casos pola normativa en vigor para os establecementos hostaleiros.

O reinicio das feiras en San Ramón atende á regulación estatal para a Fase 3 da desescalada en todo o referido a medidas de prevención que se deberán adoptar. A alcaldesa, Beatriz Bascoy, explica que o Concello “leva preparando a reapertura da feira varias semanas” e que para establecer as condicións de celebración do evento se seguiron as instrucións da Delegación do Goberno “posto que a Xunta non mandou ningún protocolo a pesar de que neste momento ten todas as competencias e tamén a responsabilidade de dicirnos como se deben facer as cousas”.

Así, a feira deste xoves 11 de xuño desenvolverase acoutando a vía principal do recinto -non haberá postos entre as naves- e asegurando que cada expositor estea separado dos demais un mínimo de 4 metros por cada lado e polo menos 6 metros pola parte frontal. Será obrigatorio que as persoas que atendan ao público leven sempre máscara e luvas, ademais de facerse responsables de que a clientela non manipule directamente o produto. Cando remate o día terán que meter os seus resíduos en sacos do lixo ben pechados e depositalos nos colectores.

En cumprimento da normativa actual, de momento só se permitirá a venda de produtos alimentarios ou do agro -froita, embutidos, pan, queixos, plantas e sementes, etc.-, polo que nesta primeira cita post-confinamento non haberá roupa, calzado nin tampouco ferramentas ou artesanía. Abrirá, iso si, a nave do gando para a venda de animais, aínda que só estará permitido o acceso para aquelas persoas que efectivamente vaian facer transaccións.

Tamén o farán a cafetaría da nave do mercado e un posto para consumir o tradicional polbo, sen o que a feira non sería tal. En calquera dos dous casos deberán levar á práctica todo o sinalado en canto a aforos -máximo 50% e separación en barra de 2 metros- e á hixiene de cadeiras, mostradores e outro equipamento do que dispoñan.

Quen acuda á feira -despois de tres meses sen ela- atopará abondosa cartelaría informativa e recordatoria das principais medidas preventivas e, sobre todo, hixiénicas. A este respecto, na nave do gando e na do mercado colocaranse dispensadores de xel hidroalcólico e os aseos de todas as instalacións permanecerán pechados por precaución.

É importante insistir en que na feira será obrigatorio levar sempre posta e correctamente colocada a máscara facial, sexa hixiénica ou cirúrxica. Tamén se debe asumir que non se pode tocar ou manipular ningún produto exposto, aínda que sexa con luvas: terá que ser o persoal de cada punto de venda quen colla e embolse os alimentos seguindo as nosas indicacións desde detrás das marcas que haberá no chan para delimitar a distancia mínima.

Beatriz Bascoy confía en que na feira deste xoves “haxa boa afluencia de xente, que se venda moito e que todo se desenvolva con normalidade”, dentro das circunstancias excepcionais e das obrigas preventivas que rodearán todo o evento.

O Concello contará durante a mañá coa colaboración da agrupación de Protección Civil de Neda e tamén dos efectivos do posto da Garda Civil de San Sadurniño. Para a seguinte cita, a do 23 de xuño, a alcaldesa agarda que a Xunta “teña xa definido un protocolo específico para os mercados e feiras tradicionais coma a nosa” e tamén se prevé poder darlle cabida a máis postos, incluídos os de roupa, artesanía e ferramentas.