Sunday 24 de November de 2024

Xuntas de novo, pero gardando as distancias


As escolas culturais de San Sadurniño volven ás clases, que se ampliarán até o mes de xullo

A Concellaría de Cultura de San Sadurniño está retomando pouco a pouco a actividade das escolas municipais. Hai dúas semanas reuniuse de novo o grupo de Cantos de Taberna, a semana pasada tamén se reencontraron as pandereteiras e, onte mesmo, volvéronse escoitar as gaitas na Veiga, en Naraío. No musical, o reencontro demostrou que as escolas fixeron os deberes durante o confinamento ensaiando repertorio xa aprendido e preparando individualmente o novo. Estes primeiros días están sendo de axuste de voces, ritmos e instrumentos coa idea de que durante o verán haxa varias actuacións en espazos abertos das distintas parroquias. Iso si, os ensaios estanse facendo en exterior e con todo o alumnado gardando a separación de dous metros. Por outra banda, o Concello tamén iniciará a partir do 15 unha proposta gratuíta para facer exercicio ao aire libre que se desenvolverá nos xardíns municipais.

Cultura quere recuperar desta maneira o tempo perdido durante os últimos tres meses. Ese foi o motivo de que lle propuxese ao profesorado -e tamén ás alumnas e alumnos- reiniciar as escolas cos mesmos horarios e buscando lugares para ensaiar onde se poida manter a separación interpersoal. A solución foi doada: o grupo de Cantos de Taberna, que ten base en San Sadurniño, elixiu os xardíns municipais, mentres que en gaita e pandeireta só tiveron que botarse fóra do local social da Veiga, no campo de fútbol de Naraío, para cumprir co requisto da distancia.

O tempo estalles sendo propicio. Salvo polo fresco das últimas tardes, os ensaios están indo ben repasando pezas doutros anos ou aprendidas antes de que se decretase o confinamento. Ademais, durante o período de peche obrigado, o alumnado tamén recibiu no móbil pezas para ir practicando na casa. Agora toca darlles xeito co obxectivo de que, malia todo o acontecido, neste 2020 en cada obradoiro se poida completar o repertorio que había previsto.

A Concellaría de Cultura anunciou que non vai haber unha clausura das escolas coma a doutros anos (con público e intérpretes dentro da Casa da Cultura), senón que se está estudando outra fórmula de pechar curso. De feito, a intención de Amparo Calvo non é tanto dar por finalizada a actividade cun único acto, senón darlle continuidade ás escolas durante o mes de xullo e, ademais, “programar varias actuacións ata setembro dentro dunha proposta de descentralización cultural que estamos preparando e que percorrerá as sete parroquias de San Sadurniño”.

A titular de Cultura engade que o seu departamento pretende ofrecer un ciclo itinerante durante os seráns dos venres que combinará as actuacións das agrupacións municipais “xunto con espectáculos da Rede Cultural e outras actividades que neste momento se están pechando”. Calvo explica que ese programa especial “ofreceráselle ás entidades veciñais que queiran organizar eventos nas datas dispoñibles”. En calquera caso serán propostas “de pequeno formato” e nas que se poidan garantizar as medidas preventivas da “nova normalidade”.

Actividade física nos xardíns do Concello e con inscrición previa
O Concello xa anunciou que, polo momento, o ximnasio municipal vai continuar pechado. Porén, iso non significa que non vaia haber oferta municipal para facer actividade física. De feito, entre o 15 e o 30 de xuño haberá sesións de exercicio nos xardíns municipais dirixidas polo técnico municipal David Guiñazú.

Serán actividades divididas en quendas de hora e media para un máximo de 20 persoas por grupo e completamente gratuítas. Estarán abertas a todas as idades e, ademais dos exercicios propostos, o técnico tamén enviará vídeos con rutinas de distintas intensidades que se poderán facer na casa, sen necesidade de acudir aos encontros presenciais. Tanto para unirse ao grupo das rutinas por whatsapp como para inscribirse nas sesións que se desenvolverán nos xardíns será necesario contactar co técnico no 647 491 371.