Monday 25 de November de 2024

O Concello de Camariñas solicitará á Xunta que volva a incluír Camelle no censo de praias aptas para o baño


As analíticas encargadas polo Concello arroxan un resultado de ‘boa’ na calidade das augas do areal.

O Concello de Camariñas solicitará á Xunta de Galicia que volva a incluír a Camelle no censo de praias aptas para o baño xa que as últimas analíticas, encargadas polo goberno local, arroxan un resultado de ‘boa’ na calidade das augas do areal.
A praia de Camelle carece dos controis da Xunta ao non estar incluída no censo debido aos malos resultados dos últimos exercicios. O pasado ano, no transcurso dos traballos de renovación da rúa Nova e Porto, o Concello detectou que os sumidoiros dalgunhas vivendas particulares estaban
vertendo na recollida de pluviais, polo que remataban no mar e isto influía na mala calidade das augas.
Naquel momento o goberno local levou a cabo unha obra de adecuación da rede de saneamento que agora comeza a dar os seus froitos. “Seguiremos traballando para eliminar os sumidoiros das vivendas privadas que están a verter directamente ao mar para que, pouco a pouco, a praia de Camelle vaia recuperando o seu esplendor”, explicou a alcaldesa, Sandra Insua.
Ademais, a rexedora aclarou que “sabemos que a praia non se incluirá no censo de praias da Xunta de Galicia ata o próximo ano polo que a sinal de ‘auga non apta para o baño’ permanecerá durante este verán pero, para tranquilidade dos veciños e veciñas, engadiremos unha copia actualizada da analítica da auga que se realizará periodicamente por parte do Concello”.
Por último, destacou que “na outra praia do municipio que se atopa fóra do censo, que é a de Area da Vila, tamén se fixo recentemente unha obra de saneamento para solucionar os vertidos ao mar que se estaban a producir e intentar así mellorar a calidade da súa auga”.

Resultados microbiolóxicos
Consideraríase contaminación microbiolóxica se os parámetros superasen o valor de 1000 UFC/100 mL.
A análise en Camelle deu, por exemplo, 200 de escherichia coli e 200 de enterococo intestinal, sobre os 1.000 permitidos.