As actividades están dirixidas ao público en xeral e, na súa maioría son gratuítas
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de presentar o programa de actividades para o primeiro trimestre de 2015, onde destacan as rutas guiadas, as xornadas de difusión e investigación, así como as exposicións e proxeccións. As actividades están dirixidas ao público en xeral e na súa maioría son gratuítas.
Unha das actividades que se mantén, debido ao seu éxito e demanda, son as visitas guiadas no Centro de Visitantes do Parque nacional, tamén coñecido como Edificio Cambón, e as Illas Cíes. Con este tipo de iniciativas buscase que os visitantes coñezan os valores naturais e patrimoniais dos catro arquipélagos (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) que conforman o Parque Nacional Marítimo Terrestre.
Trátase de actividades divulgativas que consisten en visitas guiadas polas distintas salas do centro co fin de coñecer a historia, as paisaxes, a biodiversidade, as especies e ecosistemas máis representativos así coma o significado e valor dos espazos que conforman as illas.
A importancia destas visitas radica no feito de dar a coñecer os valores naturais e patrimoniais dos arquipélagos destacando que calquera centro escolar ou outros colectivos que así o desexen poden participar deste tipo de iniciativas guiadas cubrindo unha solicitude que se atopa na páxina web www.parquenacionalillasatlanticas.com ou poñéndose en contacto co centro.
A partir do vindeiro luns farase pública as condicións, datas e solicitudes para participar na actividade Descubrindo o parque Nacional, unha serie de visitas guiadas aos restantes illotes do Parque Nacional fóra da tempada estival, nunha época de menor afluencia, e na que se descobre os seus valores dende outro punto de vista. Co ánimo de preservar os valores de cada illa e ofrecer unha atención o máis personalizada posible estipúlase un número máximo de participantes
Dende a Consellería de Medio Ambiente apostase pola investigación e o seguimento do hábitats do parque como unha medida para facer compatible a conservación das distintas especies de flora e fauna co goce dos mesmos. Neses sentido, as III Xornadas de Difusión do Investigación e Seguimento no Parque Nacional serán un marco de debate e de intercambio de experiencias que permitan poñer en valor este enclave natural de Galicia.
As xornadas celebraranse a finais de febreiro e teñen por obxectivo de dar a coñecer a profesionais relacionados co medio ambiente e ao público en xeral a actividade de investigación e seguimento neste enclave natural. Así, por terceiro ano consecutivo, búscase difundir o resultado das actuacións e proxectos que nos axudan a acada cada día un coñecemento máis completo da súa contorna.
Ciclo de exposicións
O edificio Cambón programa todos o venres, a partir do 16 de xaneiro, a proxección do traballo audiovisual Documentais de natureza, un documento que recolle imaxes dos fondos mariños e dos ecosistemas acuáticos. As proxeccións terán lugar ás 18:30 horas no Edifico Cambón (a entrada realizarse pola Rúa Oliva, nº 3).
Durante este mes de xaneiro poderá visitarse a exposición Unha ollada as túas illas, que é unha mostra de obras participantes no II Concurso de fotografía do Parque Nacional. No vindeiro mes, a pintura será a protagonista coa exposición Lenzos da natureza 2014, na que se poderán coñecer as obras participantes no II Encontro de pintores no Parque Nacional.
A última das mostras é a exposición permanente sobre o Parque Nacional, que se pode consultar no horario de apertura do Edificio Cambón. (Martes a sábado 10:00- 12:00h e de 16:30- 19:30h. Domingos e festivos 11:00-14:00 h. Luns pechado (incluído festivo).