Friday 22 de November de 2024

O Concello de Noia realiza actuacións de mantemento e mellora da piscina municipal


A Concellería de Deportes traballa nas medidas preventivas de cara a unha futura apertura, cuxa data aínda non está fixada

O alcalde de Noia, Santiago Freire, e a concelleira de Deportes, Laura Salgado, visitaron esta semana as instalacións da piscina municipal para comprobar sobre o terreo o bo avance dos traballos de mantemento e mellora destas instalacións, pechadas ao público dende o pasado 13 de maio por mor do decreto do estado de alarma pola pandemia do coronavirus COVID-19. Uns traballos que continuarán durante as próximas semanas. “Estamos aproveitando estes meses de parón na actividade da piscina municipal para mellorar as instalacións, facer unha posta a punto dos equipos e tamén para dixitalizar toda a documentación que había no arquivo”, explica Laura Salgado. Así, procedeuse ao pintado
das distintas salas, á posta a punto das máquinas do ximnasio e a reparacións nos vestiarios, así como á realización de traballos de carpintería de toda a instalación.
Uns traballos que se unen tamén ás accións necesarias de cara a adoptar todas as medidas de protección precisas de cara a unha futura reapertura da instalación, cuxa data aínda non está fixada. “Estamos vendo como aplicar os protocolos de seguridade de cara a abrir as portas pero non é algo sinxelo, pois se reduciría moi considerablemente o número de persoas que poderían utilizar estas instalacións, o que afectaría directamente ás persoas aboadas e ao acceso do que disporían á lugares como a piscina, ao jacuzzi ou á sauna”, exemplifica a concelleira.
Unhas persoas usuarias que teñen suspendido o pago das cotas do seu abono á piscina dende a declaración do estado de alarma e ás que o Concello de Noia devolveulles os cartos correspondentes aos primeiros días de marzo. O Concello destaca que agora o máis importante é o estado de saúde das persoas que utilizan estas instalacións, polo que non se fixa unha data concreta para a súa nova apertura ao público.