Unha ducia de persoas, representantes de establecementos relacionados co sector turístico de Brión, participaron esta mañá nun taller de medidas hixiénico-sanitarias fronte á COVID-19 organizado pola Asociación Terras de Compostela, en colaboración co Concello de Brión. Un obradoiro de dúas horas e media que tivo lugar no salón de actos do centro social polivalente, que se encheu ao máximo da súa capacidade. O alcalde de Brión,
José Luís García, foi o encargado de darlle a benvida ás persoas participantes. Tras unha introdución ao que realmente se coñece deste coronavirus, a formadora comezou facendo fincapé na necesidade de manter unhas medidas hixiénico sanitarias en xeral, lembrando que o virus se mantén máis tempo en ambientes secos e fríos, que a temperatura de conxelación e refrixeración mantén activos os virus e que as temperaturas elevadas superiores a 70º C durante 2 minutos eliminan o virus.
Ademais, fixo fincapé en medidas preventivas especialmente deseñadas para o sector hostaleiro e turístico, lembrando que se ben este virus non se transmite polos alimentos, a limpeza das materias primas antes da elaboración non elimina o risco de contaminación posterior. Así mesmo, explicou cuestións como o uso de material de protección e o tratamento dos residuos que se xeran.